O persoal de Correos en Lalín percorre a vila en manifestación no segundo aniversario do inicio da súa loita por unhas condicións dignas
O persoal da quenda de mañá da Unidade de Reparto de Correos en Lalín percorreu hoxe en manifestación as rúas da vila cando se fan dous anos do inicio da súa loita para reclamar unhas condicións de traballo dignas, o que pasaría pola cobertura das prazas vacantes, de xeito que se remata coa sobrecarga laboral e se poida garantir un servizo postal de calidade na comarca do Deza.
A marcha a pé coincidindo co segundo aniversario da posta en marcha das mobilizacións contou de novo co apoio da CIG e desenvolveuse a partir das 13:30 horas entre a rúa Principal, 38 (Rotonda dos Cabalos) e a rúa Joaquín Loriga, 39.
Dende a central sindical denuncian que a empresa pública segue a castigar a un cadro de persoal xa de por si reducido, mentres as incapacidades temporais seguen medrando por mor das sobrecargas de traballo e pola presión psicolóxica. Por estes motivos, e a petición dos delegados da CIG-Correos, levouse a cabo recentemente nesta unidade unha avaliación de riscos psicosociais, da que se está á espera dos resultados.
Lembran que na actualidade tan só un 56% do cadro persoal está prestando o servizo postal nunha unidade de reparto que abrangue os concellos de Lalín, Rodeiro, Dozón e Agolada. “Estamos a falar de preto de 700 quilómetros nunha zona no interior do país, maioritariamente rural e de alta montaña, onde a crueza do inverno se deixa notar sen que Correos vele pola saúde das súas persoas traballadoras”.
E consideran que esta unidade é un dos mellores exemplos da deriva laboral na que está caendo Correos: os carteiros/as parecen ser os únicos/as responsábeis dos “disparates” e do “malgasto” realizado polo persoal directivo da maior empresa pública do Estado español, sufrindo uns recortes “brutais” en persoal para reducir o gasto e “maquillar” as “maltreitas” contas de resultados.
“A pesares de saber que é unha misión difícil e complicada, as compañeiras/os de Lalín non van cesar no seu empeño e van seguir loitando para defender unhas condicións de traballo dignas e prestar un servizo de calidade”.