O persoal de Correos en Lalín convoca novas protestas para denunciar a falta de efectivos

Desenvolverá unha concentración diante da oficina de atención ao público da localidade dezana este mércores 15 ás 13:30 horas
Lalín - 14 Xan 2025

O persoal da Unidade de Reparto de Correos en Lalín convoca unha nova protesta para denunciar a falta de efectivos, cando se está a piques de cumprir un ano do inicio das mobilizacións. A concentración terá lugar este mércores 5 diante da oficina de atención ao público da empresa pública na localidade dezana (rúa B, 40) ás 13:30 horas.

Dende a representación sindical denuncian que os responsábeis de Correos “seguen a facer ouvidos xordos” ás demandas das persoas traballadoras “e non son quen de poñerlle solución á situación que padecemos nun centro de traballo que nin sequera visitan dende hai meses”. 

Tras case un ano de mobilizacións a empresa pública segue a ignorar as demandas laborais

En concreto sinalan que a sobrecarga de traballo á que está sometido o persoal de reparto incrementa o cansazo tanto físico como psicolóxico, “provocando que a día oito persoas se atopen de baixa (IT) por diversas patoloxías”.

A maiores lembran que na pasada campaña de Nadal e Paquetería nesta unidade producíronse dous accidentes de tráfico durante o reparto, “sendo cuestionábel o estado de mantemento dos vehículos”.

En consecuencia, adiantan que o persoal continuará coas mobilizacións e manterá a súa aposta por un correo público e de calidade, que non discrimine o rural e que sexa unha ferramenta para a súa dinamización, “tal e como predican dende Correos, mais sen levalo a cabo”.