O persoal de Correos de Lalín trasladou a Pontevedra as protestas para reclamar que se cubran as vacantes
O persoal de Correos en Lalín trasladou onte á oficina principal da empresa pública en Pontevedra as mobilizacións para reclamar a cobertura das prazas vacantes. Dende a CIG-Correos denuncian que a unidade de reparto contará con cinco efectivos menos a partir do 18 de febreiro, unha vez rematados os contratos de reforzo da campaña electoral.
Esta nova protesta convocada pola CIG-Correos, tras as celebradas con anterioridade ás portas da propia oficina de Lalín, tivo lugar pola tarde diante da oficina principal de Correos en Pontevedra (antiga Xefatura Provincial), na rúa da Oliva. Nesta ocasión os traballadores/as contaron co apoio de compañeiros/as de distintas oficinas da provincia e de representantes das organizacións sindicais CCOO, UGT, SL e CGT.
Durante a concentración tamén recibiron a visita da candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza, Ana Pontón, do cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e da senadora Carme Da Silva, que se interesaron pola situación que están a padecer os traballadores/as da maior empresa pública estatal e trasladáronlle a súa solidariedade e o apoio ás súas reivindicacións.
Dende a CIG-Correos sinalaron que ante a pasividade e a inacción por parte da empresa o persoal vai seguir coas mobilizacións até que as súas demandas sexan atendidas: a cobertura das prazas vacantes, xa que a partir do vindeiro día 18 (cando rematan os contratos de reforzo da campaña electoral), “volveremos contar con cinco efectivos menos, o que dificulta a prestación dun servizo postal de calidade, de xeito que se seguirá penalizando a veciñanza do Deza porque a dispersión xeográfica fai inasumíbel as cargas de traballo existentes na unidade”.