O persoal de Correos de Lalín retoma as protestas contra a supresión de catro prazas estruturais
Os carteiros/as de Lalín, co apoio da CIG, desenvolveron onte unha nova concentración en protesta pola inacción da empresa pública ante a precaria situación laboral que padecen e para denunciar a supresión de catro prazas estruturais que levan sen cubrirse dende outubro de 2023.
O persoal de reparto postal lalinense decidiu retomar as protestas iniciadas no mes de xaneiro unha vez rematado o verán, período no que os carteiros/as ven aumentada aínda máis a súa carga de traballo pola falta de cobertura de vacacións e baixas. A mobilización coincidiu coa celebración da feira, polo que a localidade do Deza rexistraba unha grande afluencia de xente.
Na anterior concentración, que tivo lugar o pasado 18 de xullo, os carteiros/as queimaron, nun acto simbólico, a proposta de reestruturación que pretende implantar Correos en contra da súa vontade e que suporía a eliminación definitiva das prazas e a cronificación da situación.
En consecuencia, dende o colectivo manifestan a súa determinación de continuar coas protestas para mellorar de xeito efectivo as súas condicións laborais e que a veciñanza de Lalín, Rodeiro, Agolada e Dozón deixe de sufrir as consecuencias da precarización do servizo postal público.
Mostra tamén das eivas na xestión de Correos é a paralización do concurso de traslados, tras case un ano sen efectuarse, incumprindo así o estipulado no convenio, ao que se suma o continuado desleixo da empresa á hora de atender as solicitudes de conciliación dos seus empregados/as.