O persoal de Correos de Lalín pecha o ano cunha nova mobilización en defensa do servizo

A Unidade de Reparto seguirá en loita pola mellora das condicións de traballo e pola cobertura das prazas vacantes
Lalín - 19 Dec 2025

A CIG-Correos, xunto co persoal da Unidade de Reparto de Lalín da quenda de mañá, volveu saír a rúa onte ao mediodía ao berro de “Máis persoal para o servizo postal” para seguir reivindicando melloras nas condicións de traballo e a cobertura das prazas vacantes, diante da falta de resposta da dirección da empresa pública.

O persoal está a facerlle fronte á Campaña de Nadal, ao igual que fixo durante o Black Friday, co 60% do persoal, “tendo que aturar as presións e ameazas veladas por parte dos responsables do servizo, que recoñecen un incremento da actividade postal e de paquetería, sen que se teña aumentado o persoal na unidade.

Con esta concentración que se celebrou na intersección das Rúas Joaquín Loriga con Molinera pechan un ano de mobilizacións na localidade, dándolle continuidade ás celebradas o mes pasado, tanto na capital dezá como en Rodeiro e Pontevedra.

O persoal de reparto censura o abandono de Correos tanto ás persoas empregadas como á veciñanza dos concellos nos que prestan o servizo postal, “xa que é a primeira damnificada pola falta de calidade dun reparto que é inasumible por culpa dos recortes de persoal que leva a cabo o operador postal público”.

En consecuencia, adiantan que as persoas traballadoras desta unidade non van desistir nas súas demandas e volverán saír a rúa en vindeiras datas. “Hai que lembrar que o vindeiro mes de xaneiro cumpriranse dous anos de mobilizacións, co silencio de Correos e coa complicidade dos responsables de persoal”.