O persoal de Copo Ibérica mobilízase no Porriño contra os abusos da mutua FREMAP

O comité denuncia “falta de atención” por parte da entidade no que ten que ver con lesións muscoesqueléticas e alerxias a produtos químicos
Vigo - 23 Abr 2025

Un grupo de persoas traballadoras de Copo Ibérica, compañía do sector da automoción con sede en Mos, mobilizáronse hoxe diante das oficinas da mutua FREMAP no Porriño convocadas polo comité de empresa para denunciar “os abusos e a falta de atención” por parte da entidade médica privada.

Segundo explican dende a sección sindical da CIG, con esta protesta queren rexeitar tamén o trato “prepotente” que lle dispensa a mutua ao persoal “para intentar facer pasar por enfermidades comúns o que son problemas médicos derivados da actividade laboral”. En concreto e especialmente todo o que ten que ver coas lesións muscoesqueléticas por movementos repetitivos e as alerxias a produtos químicos como os isocianatos e poliuretanos.

Este xeito de proceder da mutua tense intensificado nos últimos dous anos, polo que a representación sindical optou por promover unha concentración diante das instalacións de FREMAP no Porriño, que se desenvolveu a partir das 10:30 horas ao berro de “A nosa saúde non se vende” e “FREMAP, escoita, estamos en loita”.