O persoal de conserxería dos polideportivos da Coruña disputa un partido reivindicativo para reclamar que se cumpra co convenio
O persoal de conserxería das instalacións deportivas municipais da Coruña mobilizouse esta mañá na Praza de María Pita, coincidindo coa celebración do pleno municipal. Para chamar máis a atención sobre as súas reivindicacións disputaron un torneo de fútbol no que aceptaron a "calquera clase de xogadores e xogadoras solidarias".
Estes traballadores e traballadoras, que prestan o servizo de conserxería en 18 polideportivos e campos de fútbol municipais, acordaron iniciar mobilizacións para reclamarlle á empresa concesionaria, Ilunion Outsourcing, que cumpra co convenio colectivo e pague o complemento de polivalencia.
O calendario de mobilizacións continuará con repartos informativos durante as competicións deportivas máis destacadas que se celebren na cidade e con outras accións de protesta, sen descartar a convocatoria de folga se a empresa teima en non pagar. Ademais, o comité (CIG, UGT e CCOO) xa avanzou que vai presentar denuncia xudicial contra Ilunion Outsourcing e contra o Concello da Coruña polo incumprimento do abono do plus de polivalencia que recolle o convenio colectivo.
A este respecto, o presidente do comité, Xulio Ramilo, explicou que o persoal de conserxería dos polideportivos e campos de fútbol municipais está regulado por un convenio propio que contempla o pago dun plus de 300 euros. Pero dende agosto, Ilunion Outsourcing (Grupo Social Once) négase a pagar este complemento "porque di que o Concello da Coruña non lle abona a contía".
Ramilo apunta que o convenio colectivo foi publicado o ano pasado e a administración local era coñecedora dos acordos que se estaban a negociar. Por iso, reclámalle á empresa e ao Concello que cumpran cos dereitos salariais destes 80 traballadores e traballadoras e que de inmediato se proceda ao pago das cantidades adebedadas.