
Convocan protestas no servizo de conservación de estradas da Xunta en Ourense para reclamar melloras laborais

O cadro de persoal UTE Conservación Ourense 2021, integrada polas empresas Extraco e Misturas e concesionaria do servizo de conservación de estradas da Xunta en distintas localidades da provincia de Ourense, vén de anunciar a convocatoria de protestas para reclamar melloras laborais.

Segundo explican dende a CIG-Construción, a UTE que se encarga do mantemento da Rede Autonómica de Estradas de Galiza (RAEGA) en Ourense, Celanova, Verín e A Rúa négase a aceptar as propostas da parte social en material salarial e de condicións de traballo, en especial no que ten que ver co servizo de retén e co plus de dispoñibilidade.
Por iso, e tras varias xuntanzas para tentar mellorar o anterior acordo -asinado en 2021- as negociacións déronse por rotas e as persoas traballadoras decidiron en asemblea comezar mobilizacións “e outras accións dirixidas á Xunta” para denunciar tamén que o persoal desta UTE “conta coas peores condicións laborais de todas as concesións de conservación, tanto no noso país como no conxunto do Estado”.
A primeira das protestas consistirá nunha concentración o vindeiro 2 de maio diante da sede ourensá da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), organismo do que depende a Rede Autonómica de Estradas de Galiza.