O persoal de cociña dos hospitais vigueses mobilizarase ante a posibilidade de despidos co cambio de concesión
O persoal de cociña dos hospitais da área sanitaria de Vigo vén de anunciar a convocatoria de mobilizacións ante a posibilidade de que se produzan despedimentos, tal e como adiantou a concesionaria do Álvaro Cunqueiro, e para rexeitar os incumprimentos de convenio no que ten que ver co pago de pluses. Deste xeito, as traballadoras/es desenvolverán mobilizacións este xoves día 13 e o martes 18 a partir das 10:30 horas.
Segundo explican dende a CIG-Servizos, a propia concesionaria do hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) “deixou caer” que serían necesarias entre 10 e 14 rescisión de contrato para que o servizo de cociña (que abastece o propio Cunqueiro, Meixoeiro e Nicolás Peña) fose rendíbel, polo que o persoal teme que estes despedimentos se produzan co cambio de empresa unha vez saia a concurso o servizo.
Con estas protestas promovidas polo comité de empresa (7 delegadas/os da CIG e 2 da UGT) tamén se quere reclamar os 100 euros do complemento de absentismo que a actual concesionaria da cociña lle adebeda ás máis dun cento de traballadoras/es, incumprindo así o convenio colectivo.
Servizo dificiente
Dende a central sindical denuncian ademais as deficiencias existentes no servizo dende que foi privatizado e lembran que en tan só sete anos o chan da cociña (situada HAC, dende onde se distribúe a comida para os outros dous centros) tivo que ser cambiado até en tres ocasións. “O tren de lavado non funciona correctamente, ao igual que o sistema de quentamento, o que repercute negativamente na aparencia dos alimentos”, sinalan.
Todas estas cuestións foron postas en coñecemento da concesionaria do HAC, “que non nos fai nin caso”, polo que as afectadas/os decidiron iniciar un calendario de mobilizacións que contempla en principio dúas xornadas de protesta na entrada principal do Cunqueiro (o día 13) e do Meixoeiro (o día 18) a partir das 10:30 horas.