O persoal de cociña do hospital do Salnés reclama o pago dos salarios pendentes
O cadro de persoal dos servizos de cociña e cafetaría do hospital comarcal do Salnés mobilizouse hoxe diante do centro médico en Vilagarcía para reclamar o pago dos salarios pendentes, xa que boa parte das traballadoras/es teñen pendente de cobrar as nóminas de decembro, xaneiro e febreiro.
Dende a CIG- Salnés denuncian que aos distintos incumprimentos en materia laboral que viñan padecendo as empregadas/os de Arcasa, a anterior empresa concesionaria sumábase tamén os atrasos no pago de nóminas, até o punto de que tras a rescisión de contrato co Sergas as débedas quedaron pendentes.
A central sindical reclamáralle á Administración pública que lle retivese tanto a garantía económica como as últimas mensualidades que lle tiña que abonar pola prestación do servizo para que o persoal afectado puidese cobrar, “pero a día de hoxe boa parte das traballadoras/es seguen sen cobrar os soldos pendentes a pesar de que supostamente o Sergas levou a cabo esa retención”.
Por iso as traballadora/es decidiron comezar un calendario de mobilización que comezou hoxe cunha concentración diante do centro hospitalario de 11:30 a 12:30 horas e que continuará este venres 22 no mesmo lugar e á mesma hora.
Concurso de acredores
O pasado 21 agosto o BOE recollía a declaración de concurso de acredores de Arcasa, que continuou coa concesión mentres o Sergas procedía a convocar un concurso de urxencia. Un concurso que quedou deserto porque a oferta económica era insuficiente, polo que a Administración botou man dun contrato de urxencia coa empresa Aramark o 19 de febreiro, á espera de publicar novos pregos con condicións máis favorábeis.
Posteriormente convocou o concurso con novos pregos, presentándose tres compañías e resultando adxudicataria a mesma Aramark, que agora se encarga da xestión do servizo de cociña e de cafetaría. Mais o Sergas segue sen solucionar a falta de cobro de persoal.