O cadro de persoal de Coasa segue coas protestas tras presentar a empresa “unha oferta insultante”
O cadro de persoal de Coasa, empresa aeronáutica con sede no Parque Tecnolóxico de Galiza, en Ourense, continuou hoxe coas mobilizacións para reclamar unhas condicións laborais dignas despois de que a dirección achegase “unha oferta insultante”. A compañía propón unha suba salarial de 5,19 euros só para este ano e incrementar os pluses nun máximo de 0,35 euros ao mes.
A protesta convocada polo comité de empresa (6 delegados/as da CIG, 4 de CCOO e 3 de UGT) desenvolveuse, como en ocasións anteriores, na entrada do polígono industrial, onde se despregou unha faixa e se berraron consignas en demanda dunha mellora das retribucións “tendo en conta que Coasa obtivo importantes beneficios nos últimos anos”.
Por iso se está a negociar dende a pasado mes de setembro unha plataforma para mellorar lixeiramente as condicións laborais contempladas no convenio xeral da Industria Química, pero ante a actitude intransixente da dirección a asemblea de traballadores/as decidiu convocar un calendario de mobilizacións.
Agora a empresa vén de remitir unha plataforma que o comité non está disposto a aceptar. “Propoñen unha suba de 5,19 euros o mes só para este ano, ademais de incrementar os pluses de turnicidade, mantemento, cuarta quenda e recanteo e cámara frigorífica, pero o que máis aumentaría faríao 35 céntimos ao mes”.
Ademais, critican que a proposta da empresa contempla tamén un complemento de absentismo imposíbel de cumprir “e algunha cousa máis irrelevante”. Ante isto, non descartan continuar coas protestas.