O persoal de Coasa convoca unha manifestación en Ourense coincidindo con novas xornadas de folga
O cadro de persoal de Coasa, empresa do sector da aeronáutica con sede en Ourense, vén de convocar unha manifestación para o vindeiro martes 25 de xuño coincidindo con novas xornadas de folga para reclamar melloras laborais. Onte e hoxe houbo dous novos paros de 24 horas que tiveron un seguimento do 100% entre o persoal de fábrica.
Os traballadores/as da compañía situada no no Parque Tecnolóxico de Galiza, en San Cibrao das Viñas optaron por levar a cabo os pasados días 13 e 14 de xuño as dúas primeiras xornadas de folga ante o bloqueo por parte da dirección das negociacións da plataforma anexa ao convenio colectivo, que mellora lixeiramente as condicións de traballo.
Os paros continuaron onte e hoxe -sendo secundados pola totalidade do persoal de fábrica e por 60 dos 80 técnicos/as- unha vez que a empresa continúa sen poñerse en contacto co comité para retomar as conversas. E repetiranse o martes 25 e o xoves 27. Ademais, o martes haberá unha manifestación polas rúas da cidade que arrincará do edificio sindical ás 10:30 horas e que rematará diante da Subdelegación do Goberno.