O cadro de persoal de Clesa acepta o preacordo e desconvoca a folga prevista para o 2 de maio
O cadro de persoal de Clesa, compañía do grupo CLUN dedicada á elaboración de produtos lácteos con sede en Caldas de Reis, aceptou o pasado venres o preacordo entre a empresa a representación sindical e decidiu desconvocar a xornada de folga prevista para o vindeiro xoves 2 de maio. Dende a CIG rexeitan as modificacións das condicións de traballo pactadas coa dirección e critican a actitude de CCOO e UGT, que aceptaron a proposta antes de que a asemblea de traballadores/as lle dese o visto bo.
Foi a propia dirección de Clesa a que solicitou unha reunión urxente co comité de folga o pasado xoves, xuntanza que rematou pasada a media noite cun preacordo que ratificaron CCOO e UGT. Dende a central critican a actitude dos sindicatos estatais, “xa que asinaron apresuradamente un preacordo sen previamente comunicar as novas medidas en asemblea ao persoal traballador”.
Ademais, consideran que se debera de manter enriba da mesa por máis tempo a convocatoria de folga até que a asemblea de traballadores ratificase ou non o preacordo e continuar coa presión mobilizadora, “que foi a que fixo mover as posturas iniciais da empresa”.
A central cualifica de “insuficientes” as medidas pactadas, ao tempo que entender que causarán indefensión xurídica ao persoal traballador que xa aceptou individualmente as modificacións e a ampliación da xornada laboral aos sábados de xeito indefinido. Tamén consideran excesivo que esta medida vaia estar vixente durante dous anos, “ademais de romper coa conciliación laboral e familiar”.
O acordo con Clesa contempla a ampliación do importe do complemento por dispoñibilidade en días festivos, que pasa de 45 a 60 euros. A empresa comunicará a modificación dos cuadrantes das quendas de cada persoa traballadora, “pero este cuadrantes non cobren a totalidade de rotacións necesarias, e co persoal actual varias das seccións non se dan cuberto, como mantemento, tratamento e outras seccións do persoal de fabricación. Ademais, a empresa non aportou toda a documentación solicitada.