O persoal de Clece acorda coa dirección a volta dos empregados trasladados a outros centros de traballo
Despois do éxito da primeira xornada de folga, que tivo lugar o venres, os traballadores/as decidiron suspender esa mesma noite a convocatoria, así como a prevista para o día seguinte, despois de que a Inspección de Traballo se comprometese a mediar.
As conversas entre empresa e traballadores/as desenvolvéronse ao longo do día de hoxe, chegando a un acordo a primeira hora da tarde que foi posíbel despois de que a dirección se comprometese a solucionar a problemática derivada dos traslados forzosos de empregados/as a outros centros de traballo.
Deste xeito, os dous traballadores/as desprazados ao Grove poderán regresar a Citroën e desenvolverán o seu labor as fins de semana e tres días entre o luns e o venres. En canto aos outros/as dous/as que foron trasladados/as aos Xulgados e ao Porto de Vigo, poderán volver á fábrica de automoción xa que hai voluntarios/as para substituílos/as. Ademais, pactouse o establecemento dun plus de 130 euros para aqueles/as empregados/as que foron desprazados/as a centros de traballo da cidade de Pontevedra.
Finalmente, os que foron obrigados/as de xeito unilateral a traballar na quenda de fin de semana terán un día máis de descanso entre o luns e o venres ou ben poderán cambiarse para a quenda de mañá e pasarán a traballar só durante a semana.
O acordo coa empresa, que foi ratificado polos propios/as afectados/as, contempla a retirada das denuncias individuais presentadas polos traballadores/as contra a empresa.