O persoal de Cirurxía Pediátrica do CHUS asume xornadas de atención continuada sen descanso pola falta de profesionais
O persoal de Cirurxía Pediátrica do CHUS, que atende as áreas sanitarias de Santiago-Barbanza e de Pontevedra, vese obrigado polo SERGAS a realizar xornadas de atención continuada sen descanso, poñendo en perigo a seguridade na atención aos nenos e ás nenas, a causa da falta de profesionais.
A Cirurxía Pediátrica, explica a CIG-Saúde de Compostela, é unha especialidade do CHUS coa que contan as áreas sanitarias de Santiago-Barbanza e Pontevedra. Un ou unha cirurxiá pediátrica ocúpase dun amplo espectro de patoloxías que van dende pequenas anomalías corrixibles, até patoloxías ou malformacións extremadamente complexas que requiren seguimento e coidados persoalizados durante toda a vida. Tanto o/a prematuro/a extremo/a, como os/as lactantes, nenos/as e adolescentes entran dentro da área da especialidade.
Máis especialistas para garantir a calidade asistencial
Por iso, a central sindical insta a Xerencia a dotar a unidade de Cirurxía Pediátrica de máis especialistas para garantir a atención a poboación infantil. Neste momento, a unidade conta con tres cirurxiáns pediátricos que se fan cargo da atención continuada, debido á marcha de dúas especialistas por traslado e por contratos eventuais precarios de acúmulos de tarefas ou de gardas. "Polo que estes tres especialistas que quedan no servizo se ven obrigados a asumir xornadas laborais excesivas, tanto para atender operacións programadas como as intervencións urxentes, que se agravan coas intervencións de alto grao de complexidade", subliñan.
Para a CIG-Saúde Compostela o problema radica no insuficiente cadro de persoal que fai que teñan que realizar xornadas inhumanas agravadas nos períodos vacacionais ou polo goce de días, ao non facerse as coberturas. Unha situación que, advirten, pode complicarse aínda máis por algunha baixa por enfermidade.
"Somos conscientes de que existe escaseza de profesionais e que é un problema enquistado e que se remonta a máis dunha década, e que non é fácil atopar profesionais cualificados/as e dispoñibles para contratar, mais non entendemos nin podemos permitir que se deixen marchar profesionais que se formaron na área sanitaria polas condicións precarias nas que se contrataron ou que se explote laboralmente, impedindo o descanso compensatorio do personal que realiza a atención continuada", aseveran.
Sen resposta da xerente
Ante esta problemática, a CIG-Saúde Compostela solicitoulle á xerente unha xuntanza o pasado 23 de xuño cos cirurxiáns pediátricos para buscar unha solución, "pero a día de hoxe seguimos á espera".
Agora mesmo, explican unha unidade de cirurxía pediátrica está baixo mínimos "e aínda que conta con bos profesionais, están esgotados ante unha situación que os conduce a unha insatisfacción profesional e a unha situación de risco de “burnout” ao non poder conciliar a vida laboral coa familiar".
Por iso, CIG-Saúde entende que é necesario contar con máis especialistas para manter o obxectivo da calidade permanente na atención dos e das pacientes e das súas familias e cun enfoque personalizado na área sanitaria de Santiago-Barbanza e na de Pontevedra.