O persoal de Circet segue en loita contra os 118 despedimentos e a precarización laboral do sector

Nacional - 27 Nov 2024

Os traballadores e as traballadoras de Circet Infraestructuras de Telecomunicaciones S.A continúan co calendario de folgas e mobilizacións en rexeitamento ao ERE de extinción presentado pola empresa, que en Galiza suporía o despedimento de 118 persoas. Para esta semana están convocadas tres xornadas de paro (26, 27 e 28 de novembro), que se desenvolven de xeito paralelo ás reunións do ERE que teñen lugar en Madrid. A próxima semana tamén haberá folga os días 4 e 5 decembro, coincidindo co remate do período de consultas.

Tanto no día de onte como na xornada de hoxe, mércores, a folga está rexistrando un seguimento de practicamente o 100% do persoal en toda Galiza. Para darlle visibilidade á súa loita, denunciar publicamente que o único obxectivo da empresa é precarizar as condicións laborais no sector e sinalar a responsabilidade de Telefónica neste conflito, o persoal vén desenvolvendo concentracións diante de cada un dos centros de traballo de Circet en Galiza, mais tamén diante de tendas Movistar e das centrais de Telefónica.

Un ERE totalmente inxustificado

O persoal denuncia a escasa información proporcionada pola empresa durante o período de consultas do ERE e insiste en que non existen causas organizativas, produtivas ou económicas, tal e como pretende xustificar Circet, para aplicar este despedimento colectivo. Hai que sinalar que esta compañía é concesionaria en Galiza de operadoras de telecomunicacións como Movistar e Vodafone, con clientes como a Xunta de Galiza, o SERGAS, Educación, Emerxencias, Defensa e outras administracións estatais e locais.

Dáse a circunstancia de que o contrato con Movistar foi mercado por Circet en xullo deste ano, previa autorización do Goberno do Estado, e agora, apenas tres meses despois, a empresa pretende despedir a case o 30% do cadro de persoal galego.

Para a CIG-Industria  o verdadeiro obxectivo deste ERE non é outro que avanzar na subcontratación, e polo tanto, afondar na desregulación e a precarización do sector para obter aínda maiores marxes de beneficios a conta da explotación laboral. "A intención da empresa é impor un sistema de traballo contrario aos acordos asinados, con incumprimentos de xornada, presionando para alongar os horarios, e sen facer un control de xornada efectivo, sen un sistema retributivo legal, cometendo fraude de cotización á Seguridade Socia, e presionando para que os traballos se fagan en menos tempo e sen adoptar as normas de prevención de riscos”.

Así as cousas, os traballadores e as traballadoras seguirán pelexando para evitar esta desfeita laboral, que se garanta a continuidade dos empregos e unhas condicións de traballo dignas.

Mobilizacións para a xornada de folga deste xoves 28:
  • A Coruña: 11:30h, concentración diante da tenda Movistar da Praza de Pontevedra.
  • Pontevedra: 12:00h, concentración na Subdelegación do Goberno (Praza de España).
  • Lugo: 11h, concentración diante da tenda Movistar da Praza Armanyá.