O persoal de Circet rexeita a derradeira proposta de ERE da empresa e continuará coas mobilizacións
O persoal de Circet Infraestructuras de Telecomunicaciones -concesionaria do servizo de Movistar Telefónica, entre outros- rexeitou en asembleas por ampla maioría a derradeira proposta de ERE achegada pola empresa, de xeito que continuará coas xornadas de folga e mobilizacións até que se retiren os 277 previstos, 81 deles en Galiza.
As últimas xuntanzas do ERE, celebradas os pasados días 3 e 4, remataron sen acordo entre as partes, tras o que a dirección presentou unha oferta que rebaixa as rescisións de contrato previstas inicialmente. De xeito que se pasa dos 377 aos 277 despidos no conxunto do Estado. No noso país a cifra iría dos 118 anunciados ao comezo do proceso aos 81 que figuran na derradeira proposta. Circet tamén se amosa disposta a fixar unha indemnización de 30 días por ano traballado, cun máximo de 12 mensualidades.
Mais os cadros de persoal rexeitaron por ampla maioría a oferta, especialmente nas zonas nas que maior afectación tería o ERE, como Galiza, Catalunya ou Tenerife. De feito, no noso país rexistráronse 267 votos en contra e só 12 a favor. E no conxunto do Estado 475 foron negativos e 186 positivos.
Tras a decisión das persoas traballadoras, dende o comité de empresa anuncian que mentres a empresa non retire o ERE continuarán coas xornadas de folga e coas mobilizacións. Para os vindeiros días 12, 17 e 19 hai convocados xa paros de 24 horas, que incluirán tamén distintas protestas.