O persoal de Circet acorda convocar folga e mobilizacións para rexeitar os 118 despidos
As asembleas de persoas traballadoras de Circet Infraestructuras de Telecomunicaciones -concesionaria do servizo de Movistar Telefónica en Galiza- organizadas pola CIG en todos os centros de traballo da empresa nas catro provincias galegas decidiron convocar folga e mobilizacións para rexeitar o ERE anunciado pola dirección, que suporía o despido de 118 persoas no noso país.
De xeito que o vindeiro venres 8 de novembro terá lugar unha concentración de delegados/as da central sindical diante da tenda de Movistar en Santiago de Compostela a partir das 11:00 horas. E para os días 12 e 14 de novembro a CIG ten convocadas dúas xornadas de folga en todos os centros de traballo de Circet en Galiza para reclamar o mantemento do emprego e rexeitar o proceso de precarización das condicións laborais no sector.
A central puxo en marcha a celebración de asembleas e levou a cabo unha xuntanza de delegados/as nada máis coñecer os plans da empresa, que pretende levar a cabo un despido colectivo de 377 traballadores/as no Estado español, 118 delas no noso país, o que supón desfacerse de máis do 30% dos cadros de persoal dos centros de traballo galegos.
Dende a CIG fan fincapé en que hai escasamente tres meses que Circet se fixo cargo do servizo, “sendo consciente a empresa e asumindo o número de persoas traballadoras do servizo en Galiza, un servizo que se encarga de departamentos tan importantes como emerxencias, Sergas e a propia Xunta”.
Entenden que este “descomunal ataque” ás persoas traballadoras supón un intento de desmantelar os centros de traballo e as súas representacións sindicais, “substituíndo cadros de persoal estábeis por pequenas empresas e falsos/as autónomos/as, sen representación sindical, que xa están campando ás súas anchas no sector, favorecendo así a explotación laboral e aforrando en medidas de seguridade, o que está a provocar xa continuos accidentes mortais no sector”.