O persoal de Celsa Atlantic rexeita o calendario laboral imposto pola empresa que incrementa a flexibilidade horaria
O calendario laboral, denuncia o presidente do Comité, Antonio Rodríguez (CIG), suporá incrementar a flexibilidade horaria, traballar máis horas e recortar os descansos, sen que se garanta sequera a cobertura das necesidades produtivas da fábrica. Neste senso, Rodríguez lembra que o persoal ten vixente un expediente de regulación temporal até setembro que a empresa “non tivo para nada en conta á hora de facer os calendarios”.
A representación social entende que o calendario proposto por Celsa non se adapta á situación do cadro de persoal, ao pretender a cobertura das necesidades dunha produción que non se pode realizar co número de traballadores/as actuais. Para corrixir estas carencias “o que fai a empresa é sobrecargarnos con máis días de traballo e menos de descanso”.
O calendario segue a liña do estabelecido o pasado exercicio e que provocou “máis absentismo, baixas e accidentes laborais. E non estamos dispostos a seguir por ese camiño”, afirma Rodríguez. Neste sentido, o Presidente do Comité destacou o total desacordo do persoal con estes horarios, que se suma ao malestar xerado pola deterioro paulatino das condicións laborais e a conxelación salarial sufrida nos últimos anos.
Engade Rodríguez que a parte social propuxo un calendario alternativo adaptado ás condicións actuais da fábrica, organizado en cinco equipos (e non os seis que formula a dirección), que permitiría copar a capacidade de produción esixida e ao mesmo tempo garante a cobertura das ausencias que se poidan producir, permitiría “sacar as dúas subcontratas que dende hai uns meses están a realizar traballos na fábrica e mesmo dedicar tempo á formación dos traballadores e traballadoras”. Materia da que, sinala, hai graves carencias na fábrica.
A proposta está baseada nun calendario e na organización do traballo que había na planta da Laracha uns anos atrás “e que deu o máximo rendemento e a mellor produción”. “Entendemos que esa é a liña que temos que seguir”.
Sobre as dúas empresas subcontratadas (ao tempo que está vixente o ERTE), o Presidente do Comité apuntou que esta situación xa foi denunciada na Inspección de Traballo e estase á espera de súa actuación.