O persoal de CAPSA prosegue coas mobilizacións para exixir a revisión salarial segundo o IPC
Os traballadores e as traballadoras de Corporación Alimentaria Peñasanta (CAPSA) continuaron este mércores cos paros e mobilizacións para reclamarlle á empresa que proceda a aplicar de inmediato a revisión salarial conforme ao IPC real, tal e como se estabelece no convenio colectivo.
Como en mércores pasados, a folga parcial desenvolveuse entre ás 13 e ás 15horas e durante este tempo o persoal concentrarase diante da factoría de Robra (Outeiro de Rei).
Malia o éxito que están tendo as xornadas de paro, até o momento non se produciron avances que permitan pechar o conflito xa que a empresa teima no seu incumprimento das garantías económicas recollidas no convenio.
Para esta tarde está fixada unha nova reunión entre as partes, no marco da mediación aberta, aínda que non se agardan ningún avance, polo que a reclamación continuará tamén na vía xudicial.