O persoal de Cándido Hermida mobilízase pola readmisión dos compañeiros despedidos
Traballadores e traballadoras do Grupo Cándido Hermida concentráronse este mércores diante das oficinas do SMAC de Ferrol en solidariedade cos compañeiros despedidos, para esixir a súa readmisión e por unhas condicións laborais dignas. A protesta, que se suma ás xa realizadas previamente, coincidiu coa celebración dos últimos actos de conciliación que, ao igual que os anteriores, remataron sen avinza, xa a empresa nin sequera presentou unha oferta.
"Seguimos denunciando que estes 24 despedimentos non teñen xustificación, a causa económica que argumenta Cándido Hermida non é certa, senón que se trata dunha medida en represalia contra estes traballadores por atreverse a protestar e reclamar condicións dignas", subliña o secretario comarcal da FCM-CIG de Ferrol, Marcos Sánchez.
Cómpre lembrar que este grupo de operarios foron dos que máis participaron e interviñeron nas asembleas celebradas en 2019, cando a empresa xa intentara recortar as condicións de traballo cunha desregularización da xornada laboral; e tamén os que deron a batalla durante os abusivos ERTE impostos con motivo da Covid. Como represalia, o grupo empresarial meteunos de primeiros nas regulacións temporais e reincorporounos ao traballo no último lugar.
Incremento enorme da subcontratación
Sobre os argumentos da patronal, Sánchez chama a atención sobre o feito de que a empresa pretenda xustificar estes despedimentos cunha presunta mala situación económica e ao tempo estea disposta a asumir o alto custe en indemnizacións, pois o persoal despedido é do que máis antigüidade ten.
De igual xeito, Sánchez subliña que Cándido Hermida despide persoal propio mentres contrata operarios/as a través de ETT (e polo tanto en condicións máis cativas) e ao tempo estase producindo un incremento enorme da subcontratación en todas as empresas do grupo para afrontar a gran carga de traballo que hai.
Así as cousas, o secretario da FCM-CIG de Ferrol xa adiantou que as centrais sindicais e o persoal continuarán mobilizándose na defensa de todos os empregos e para evitar que a empresa empeore as xa cativas condicións de traballo.