O persoal de Autoestradas de Galicia rexeita en asemblea a proposta de convenio da empresa
As asembleas de persoas traballadoras da concesionaria Autoestradas de Galicia rexeitou por ampla maioría o pasado mércores a proposta de convenio colectivo achegado pola empresa ao consideralo insuficiente, tal e como defendía CIG ao contrario que CCOO e UGT. En consecuencia, a central sindical demándalle á dirección que convoque canto antes a parte social para continuar coas negociacións.
As provincias de Pontevedra e da Coruña acolleron as asembleas nas que se analizou o contido da última oferta empresarial e se procedeu á súa votación. Do total de 62 integrantes do cadro de persoal con dereito a voto, participaron no proceso 52, dos/as que 37 rexeitaron a proposta e 14 optaron por aceptala. Tamén se contabilizou 1 voto en branco.
O sentir maioritario do persoal de Autoestradas de Galicia coincidiu co expresado pola CIG tras a última xuntanza da mesa negociadora, na que a dirección achegou unha proposta que para a central sindical segue a ser insuficiente aínda que mellora lixeiramente a anterior. “É unha oferta cativa dende o punto de vista económico; ademais, a revisión salarial é imprescindíbel para garantir un mínimo de dignidade nas condicións laborais, xa que as actuais son moi precarias”. A pesar disto, CCOO e UGT decidiran aceptar a oferta da empresa.
Precisamente para denunciar a precariedade que padecen e reclamar un convenio digno un grupo de persoas traballadoras de Autoestradas de Galicia levou a cabo varias mobilizacións convocados/as pola CIG para denunciar que “os salarios son moi baixos, e o persoal desenvolve o seu traballo en quenda de día, tarde e noite e calquera día da semana; e sofre un elevado nivel de estrés, dado o tráfico que circula pola autoestrada, ademais de ter que facer uso do seu coche particular”.
Mentres, a empresa rexistra beneficios ano tras ano. “Trátase dunha compañía saneada que presta un servizo esencial para a mobilidade, pero as persoas traballadoras cada vez cobramos menos e temos unhas peores condicións laborais”.
A CIG critica que, malia isto, a Xunta de Galiza desenténdese da situación. “Nin están nin se lles espera, prefiren que as empresas gañen cartos a que o servizo sexa de calidade, xa que non pode prestarse un servizo de calidade con persoas traballadoras mal pagadas e en condicións precarias”.