O persoal de Atento sae á rúa en resposta ao despedimento inxusto de tres compañeiras/os
Traballadoras e traballadores de Atento concentráronse este xoves en resposta ao despedimento inxusto de dúas compañeiras e un compañeiro do servizo de atención á clientela de Pemes de Movistar. Na protesta, realizada diante das oficinas de Atento na céntrica rúa coruñesa, Juan Flórez, denunciouse que non existen razóns organizativas, produtivas nin económicas que xustifiquen estes despedimentos e que os argumentos esgrimidos pola empresa non son máis que "miserentas mentiras".
A representación do persoal critica tanto as formas nas que se comunicaron os despedimentos (no medio da xornada de traballo das persoas afectadas) como co fondo da decisión. Explican que a pasada semana estivo de visita nas oficinas da Coruña persoal directivo de Atento, mais nada se comentou da suposta "difícil situación laboral que agora argumenta a empresa con vileza para perpetrar estes tres despedimentos inxustos".
"Non cabe outra interpretación, advirten, cando o propio departamento de Relacións Laborais non ten reparos en recoñecer nos despachos que as suposta causas para acometer estes despedimentos non son máis que descarados embustes".
Por iso, na concentración deste xoves exixiuse, ademais da readmisión inmediata das dúas compañeiras e do compañeiro despedido, o mantemento de todos os postos de traballo na plataforma da Coruña, e denunciáronse as manobras ás que recorren as empresas do sector dos centros de chamadas en conivencia coa empresas ás que lle prestan servizos -como as grandes compañías telefónicas, eléctricas ou a banca-, para trasladar servizos e reducir os cadros de persoal ao seu antollo.