O persoal de Atento retoma as mobilizacións ante o incumprimento dos acordos alcanzados coa empresa
As traballadoras e os traballadores de Atento na Coruña retomaron este luns as mobilizacións para esixir da empresa que cumpra o acordo alcanzado o pasado mes de outubro para a mellora das condicións laborais. Ese acordo supuxera a suspensión dos paros e protestas semanais que o persoal estivo realizando durante seis meses seguidos, en rexeitamento aos despedimentos, presións, acosos, ausencia de formación, falta de tempo administrativo entre chamadas, imposición de vacacións e obxectivos imposíbeis de cumprir, abusos da mutua, etc.
Malia o acordo asinado no seo do AGA e tras varias reunións de negociación, a empresa, explica a representación social, "deu por resolto o conflito en decembro, decidindo incumprir o acordo na súa maioría e anunciando que seguiría por ese camiño". De feito, cómpre lembrar que os traballadores e traballadoras xa desenvolveron dúas xornadas de folga o pasado 24 e 31 de decembro, en resposta á imposición dun protocolo de vacacións non negociado e que incumpre o recollido na lexislación laboral.
Concentración pola mañá e manifestación pola tarde
Este luns, 28 de xaneiro, retomáronse as mobilizacións cunha xornada de paros laborais de dúas horas por quenda de traballo (das 00 ás 02h na quenda de noite, das 12 ás 14h na de mañá e das 18 ás 20h na da tarde) e dúas protestas: unha concentración ás portas de Atento ao mediodía e unha manifestación pola tarde que saíu das oficinas na rúa Juan Flórez, foi até a Praza de Galiza e rematou no punto de partida.
"De novo estamos como hai oito meses: coa imposición de períodos de vacacións segundo o novo protocolo, que está a provocar unha marea de demandas nos xulgados, o anuncio de substituír a formación prometida por autoformación, non cumprir coa eliminación como obxectivo dun mínimo de chamadas recibidas, non baixar a presión sobre as pausas e o tempo entre chamadas, non mellorar os fallos nos sistema informáticos, e seguir xerando conflitos e elevando o nivel de estrés do persoal até enfermarnos", denuncian.
Conflito colectivo pola imposición das vacacións
O comité xa presentou un conflito colectivo contra a empresa pola imposición do protocolo de vacacións e denunciou o incumprimento do acordo. "Do mesmo xeito que se decidiu non
suspender as mobilizacións o pasado ano até ter asinado un acordo positivo, decidimos agora retomalas polo incumprimento do mesmo e polo empeoramento das condicións de traballo", advirten.
Neste senso, a sección sindical da CIG denuncian que dende finais de decembro se executaron sete despedimentos "miserentos e inxustificados", a maioría dos cales afectan a persoal que previamente estivo de baixa médica. Deste xeito, Atento afonda na política de despedimentos individuais e desmantelamento do centro de traballo.
De non recuar a empresa nas súas posturas, o vindeiro 22 de febreiro está convocada unha nova xornada de loita. A representación social chama a todo o persoal a non ficar pasivo ante os incumprimentos e a secundar masivamente todas cantas mobilizacións se convoquen para demostrar que "non imos tolerar máis abusos".