O persoal de Arenal Perfumerías teme que Druni planee un recorte do emprego e de actividades en Lugo

Lugo - 12 Dec 2024

A CIG-Servizos denuncia o incumprimento dos acordos acadados co comité tras a venda ao Grupo Druni do 40% das accións que aínda conservaba a familia Vázquez Marzán sobre Arenal Perfumerías. Cando se produciu esta operación o pasado ano, a dirección aseguroulle á representación social que a adquisición da maioría da propiedade por parte de Druni non ía ter repercusión sobre o emprego na provincia de Lugo.

Porén, no último mes, a empresa despediu a cinco persoas da oficina do departamento web e a CIG-Servizos sospeita que a pretensión da nova dirección é levar adiante un adelgazamento do cadro de persoal de Lugo e transferir servizos a outra Comunidade Autónoma. "Moito nos tememos que nesta estratexia, a empresa tamén intente modificar as condicións laborais das traballadoras e traballadoras da provincia e, sen dúbida, isto tamén lle afectará o persoal do resto de provincias da Galiza".

Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo, avanza que, ante os últimos acontecementos "tamén desconfiamos que o Grupo Druni manteña a sede social en Lugo". Lembra que a estrutura de Arenal comezou a funcionar na cidade en 1976, a súa organización loxística está asentada na provincia e que "esta é a terceira empresa do Estado por volume de facturación neste sector".

Por todo isto, a CIG traslada a preocupación que existe entre as traballadoras e traballadores pola actual situación, xa que pode afectar negativamente ao cadro de persoal, e reclámalle á empresa garantía da continuidade de todos os empregos, actividades e condicións laborais.