O persoal das ambulancias volve á rúa para reclamar un convenio colectivo digno
Un grupo de traballadores/as e delegados/as sindicais da CIG no sector das ambulancias desenvolveu esta mañá unha concentración no acceso ao hospital de día do Álvaro Cunqueiro de Vigo para reclamar un convenio colectivo digno. Dende a central denuncian que a patronal mantén paralizadas as negociacións coa complicidade da Xunta e apostan por continuar coas protestas.
Segundo explican dende a FGAMT-CIG, as mobilizacións responden á actitude “absolutamente irresponsábel” dos empresarios/as, que manteñen paralizada a negociación do convenio logo dunha serie de reunións “nas que se dedicaron a perder o tempo”. Denuncian que este comportamento da patronal conta, ademais, coa complicidade da Xunta, da Consellería de Sanidade e da Fundación de Emerxencias Sanitarias 061. “Os traballadores/as das ambulancias levamos moitos anos loitando pola profesionalización e dignificación do noso traballo, do sector e tamén polos dereitos dos pacientes e usuarios/as dun servizo tan importante para a cidadanía como é o do transporte sanitario”, indican.
Ofertas por debaixo do custe do servizo
Lembran que nos últimos concursos do transporte en ambulancia a Xunta otorgou a concesión do servizo a empresas que ofertaron até un 12% por debaixo do prezo de custo. “Agora esas mesmas empresas pretenden que os traballadores/as paguemos esa rebaixa do noso peto e co noso esforzo, cando todo o mundo sabe que unha mellor calidade no traballo significa un mellor servizo”.
Neste senso, sinalan que unha gran parte do sector cobra menos de 800 euros, posto que está contratado en prácticas. Ademais, as bases do persoal non reúnen as condicións axeitadas e non se desinfectan os uniformes de traballo, co risco que isto supón para a saúde de traballadores/as e pacientes. Tamén é necesario mellorar a prevención de riscos laborais, “xa que cada ano son moitos/as os compañeiros/as que enferman ou se lesionan a causa do traballo”.
Esta situación fixo que CIG manteña dende hai tempo un calendario de mobilizacións en defensa do convenio e da profesionalización e dignificación do sector. “Unha profesionalización que pasa por acadar un salario digno, reducir os contratos en prácticas que rebaixan os salarios un 40% e pola recuperación da terceira paga extra que desapareceu no anterior convenio”, rematan.