O persoal de Ambulancias do Atlántico baralla convocar folga e intensificar as protestas polos impagos
A representación sindical da CIG, CCOO e USO en Ambulancias do Atlántico -concesionaria do servizo de transporte urxente en Vigo, Cangas e Moaña e do non urxente en toda a área sanitaria- volverá a celebrar asembleas de traballadores/as para abordar unha nova convocatoria de folga e apostará por intensificar as mobilizacións, unha vez que non está garantido o abono das nóminas de maio antes do 1 de xuño. Así o anunciaron hoxe despois da xuntanza mantida coa Consellaría de Sanidade, que rematou sen acordo polos incumprimentos da Administración.
Dende a representación da CIG na empresa explican que ademais continúan sen satisfacerse as débedas de todo o ano ao persoal traballador; non se entrega a documentación que permite interpoñer no xulgado unha reclamación de cantidades; continúa o acoso laboral; a persecución aos traballadores/as; e as carencias loxísticas afectan ao normal funcionamento do servizo. “Estamos á espera dunha resposta por parte da Xunta, que se nega en rotundo a asumir directamente o servizo de asistencia e transporte sanitario público, cambiando o modelo actual de prestación do servizo con empresas concesionarias privadas”.
Ao mesmo tempo, detallaron que a reunión mantida cos responsábeis do Sergas e do 061 “fracasou” tras incumprirse por parte da Administración os acordos alcanzados na anterior xuntanza e pola negativa a asumir novos compromisos. “Pese a que o empresario e administrador único da empresa continúa desaparecido non se presentou á reunión ningunha das persoas que ostentan actualmente a dirección da compañía, tal e como estaba previsto”. Como tampouco se entregou un organigrama da dirección, e nomeouse como interlocutor a un avogado laboralista contratado pola empresa.
De xeito que a día de hoxe o persoal descoñece a quen dirixirse “para o máis mínimo acto administrativo ou realizar tarefas loxísticas simples como pedir un permiso laboral ou solicitar a reparación dun vehículo”. Denuncian que a empresa “está sumida nun auténtico caos” sen que os empregados/as saiban a que ordes de traballo deben atender e descoñecendo que cargo ostentan as persoas que actúan na actualidade supostamente en nome do empresario Carlos Simón.
Débedas con persoal e provedores
A representación sindical de CIG, CCOO e USO censura o feito de que os documentos de nóminas continúen sen entregarse, impedindo o cálculo e a posíbel reclamación xudicial do diñeiro que se lle debe á totalidade do cadro de persoal.
O Sergas está a realizar un tímido papel de mero observador e só lanza recomendacións ao empresario e á súa contorna
Outra das cuestións que aumenta o clima de crispación é a decisión do empresario de dar indicacións para que as nóminas que si se entreguen estean feitas “deliberadamente mal” co obxectivo de colapsar os servizos xurídicos dos sindicatos, posto que terían que calcular e refacer unha a unha as nóminas de todo o ano de 260 traballadores/as. Por este motivo solicitáronlle ao Sergas que asuma a súa elaboración aproveitando o seu papel de interventor na empresa.
Mais o Sergas négase a asumir esa función, “o que demostra unha nova mentira da Consellería no seu compromiso de intervir a empresa Ambulancias do Atlántico”. Os tres sindicatos denuncian que, en realidade, a Administración está a realizar un “tímido papel de mero observador” e que tan só lanza recomendacións ao empresario e á súa contorna.
Así mesmo, as débedas a provedores continúan acumulándose, facendo moi complicado o traballo diario. Restricións de combustíbel, interrupción da limpeza dos centros de traballo e falta de reparacións nas ambulancias ou impagos de alugueres son, entre outros, algúns exemplos dos graves problemas económicos que padece a empresa, actualmente en bancarrota e que subsiste a base de adiantos económicos da facturación do Sergas.
Nula intervención da Administración
A Consellería de Sanidade aproveitou a reunión de hoxe para informar dos prazos previstos para resolver a gravísima situación actual que afecta ao servizo de transporte sanitario.
Con respecto ao servizo urxente, o vindeiro luns 13 de maio dará conta no Consello da Xunta do contrato de emerxencia para que se publiquen os pregos que permitan ás empresas licitar por un prazo de seis meses prorrogábel a outros tres máis. De maneira que, segundo as estimacións do 061, unha nova empresa estaría prestando servizo en Vigo Cangas e Moaña dende o vindeiro 1 de xuño até o 30 de novembro.
Porén a situación máis grave corresponde ao servizo programado, que segundo o manifestado na reunión o Sergas pretende continuar prestando servizo con Ambulancias do Atlántico e o seu administrador desaparecido durante como mínimo catro meses máis.
Pero o manifestado polo Sergas á representación de CIG, CCOO e USO é aínda peor, xa que teñen probas de que os cálculos de coste do servizo para unha nova licitación están mal realizados por mor da información incorrecta facilitada por Ambulancias do Atlántico, chegando incluso a incorrer novamente en falsidade documental.
As organizacións sindicais consideran que o estudo de costes publicado pola Consellería non inclúe o gasto real das nóminas do persoal nin das subministracións de material. Así, sospeitan que o contrato do servizo programado volverá a quedar deserto, tendo que prolongarse por máis tempo en mans do empresario Carlos Simón.
Acusacións da dirección do 061
A CIG, CCOO e USO manifestaron o seu malestar polas acusacións da dirección do 061 responsabilizando á representación legal dos traballadores/as “de non ter paciencia e de non respectar a paz social”, e mesmo responsabilizando as persoas traballadoras de supostos actos de sabotaxe. “Ademais, o Sergas considerara que nos atopamos nunha situación privilexiada, posto que noutras situacións semellantes ocorridas noutras areas a Administración non se implicou tanto, chegando a ter que recibir o pago das nóminas con cargo ao Fogasa pasados varios meses”.
Para as organizacións sindicais estas manifestacións non fixeron máis complicar o diálogo, poñendo fin á reunión, e acusaron a Xunta de non prestar atención ás obrigas legais que ten a administración en canto ao abono de salarios e cotas á Seguridade Social en caso de impagos pola empresa.
Tanto a CIG como CCOO e USO consideran que se o servizo se atopa actualmente en funcionamento e os pacientes están a recibir unha axeitada asistencia sanitaria é grazas á implicación e responsabilidade do persoal sanitario de Ambulancias do Atlántico, “que ten que prestar servizo nunha situación tan complicada cunha dedicación digna de admiración”. Así mesmo, fixeron responsábel á Consellería de non garantir o cobro de salarios nin os atrasos e acusaron aos seus responsábeis de realizar unha nula supervisión da xestión da empresa concesionaria.
Acoso laboral
“Mentres o persoal traballador está a respectar unha tregua durante as negociacións coa administración mantendo a paz social e mesmo chegando a desconvocar a folga prevista para o pasado 2 e 3 de maio, o empresario aproveita para aumentar o clima de crispación entre o persoal”.
Xa que a representación sindical considera demostrado que Carlos Simón está a dar indicacións dende Catalunya ao seu persoal de confianza “para que actúe a modo de vinganza perseguindo a algúns traballadores con actos que poden supoñer penas de prisión para os actuais responsábeis da empresa”. Por este motivo, estanse a preparar varias denuncias por acoso laboral, persecución, vulneración de dereitos sindicais e despedimentos que se sumarán ás xa presentadas.