O servizo de ambulancias da área de Vigo irá á folga se a Xunta non intervén xa a concesionaria
O persoal do servizo de transporte sanitario urxente de Vigo, Cangas e Moaña e non urxente de toda a área sanitaria viguesa está disposto a volver á rúa se a Xunta non cumpre os compromisos adquiridos nas xuntanzas coa representación sindical e continúa sen intervir Ambulancias do Atlántico, a empresa concesionaria.
De xeito que a CIG, CCOO e USO veñen de anunciar que “a paciencia das traballadoras/es rematou, e de non iniciarse a intervención pública a semana que vén, reactivaremos o conflito coa máxima dureza posíbel, convocando mobilizacións e incluso folga, aínda que esta situación afecte a Saluser, a nova adxudicataria do servizo urxente”.
A paciencia do persoal rematou, e de non iniciarse a intervención pública a semana que vén, reactivaremos o conflito coa máxima dureza posíbel
Na xuntanza celebrada onte con representantes da Consellaría de Sanidade e do 061 a representación sindical acusou a Administración de non cumprir os compromisos recollidos por escrito na anterior reunión, posto que o persoal técnico de Tragsa non comezou o seu traballo, e a persoa designada como interlocutor de Ambulancias do Atlántico desapareceu sen previo aviso, tal e como fixeran os seus antecesores no cargo.
“Proba disto é que para poder cobrar as nóminas de abril tivo que ser o persoal da oficina recentemente incorporado o que se encargase de facer o traballo comprometido pola Xunta”. Ademais, a Consellaría permitiu que no abono das nóminas de maio a actual dirección da empresa non incluíse o cálculo de conceptos variábeis dos últimos 10 días do mes, o que incrementa máis as débedas co persoal en concepto de atrasos e a liquidación por cambio de empresa, que está aínda sen abonar.
Contrato sen formalizar
“A Dirección Xeral da Consellería non tivo máis remedio que recoñecer os feitos denunciados e manifestar que efectivamente o contrato coa empresa Tragsa para intervir publicamente Ambulancias do Atlántico non esta aínda formalizado”.
Por outra banda, a Administración confirmou durante o encontro que incrementou en máis de 700.000 euros o importe da licitación de emerxencia con respecto ao anterior concurso público ordinario. “Concretamente incluíu no primeiro mes a cantidade íntegra necesaria para facer fronte á paga de regularización, polo que lle esixiremos á empresa Saluser o abono dese concepto ao persoal traballador”.
A CIG, CCOO e USO lembráronlle á Administración que este conflito non se limita ao servizo urxente e solicitáronlle que o traballo de Tragsa inclúa tamén reunións coa representación sindical do non urxente. Así, instou a que convoque o antes posíbel a representación do servizo programado a unha reunión, “dado a que a licitación quedou deserta o pasado día 31, e o traballo continuarase prestando sine die por Ambulancias do Atlántico, co empresario Carlos Simón á fronte da compañía”.
Esixencias trasladadas á Xunta para a vindeira semana:
- Inicio do traballo do persoal técnico de Tragsa fisicamente na empresa Ambulancias do Atlántico.
- Establecer un sistema de traballo e comunicación coa RLT.
- Que na primeira reunión entre Tragsa e a RLT se entreguen as nóminas de 2023, a nómina de maio de 2024, os conceptos variábeis dos últimos 10 días de maio e a póliza de seguros para situacións de incapacidade temporal.
- Que nesa reunión se establezan prazos concretos para que se entregue as nóminas revisadas de 2024, o cálculo de atrasos, o cálculo de liquidación e os datos de cotización de 2024.