Persoal de Ambulancias Civera de Pontevedra péchase en Montecelo para esixir o pago íntegro do soldo de decembro
O cadro de persoal de Ambulancias Civera, concesionaria do transporte sanitario programado e dos traslados intrahospitalarios nas áreas de Pontevedra e do Salnés, pechouse hoxe no hospital Montecelo para reclamar o pago íntegro do soldo de decembro, xa que a compañía unicamente lle abonou unha parte. Coa acción reivindicativa pretendían tamén forzar unha xuntanza co xerente da área sanitaria, José Flores, que os recibiu e se comprometeu a dirixirse ao empresario para que salde a débeda de xeito inmediato.
A protesta dos traballadores/as de Ambulancias Civera, na que participou o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xavier Aboi, deu comezo ás 10:00 horas cunha concentración no exterior de Montecelo e co posterior acceso ao centro hospitalario, en cuxo interior permaneceron concentrados ás portas do despacho da Xerencia. Sobre as 12:00 horas foron recibidos por Flores que neses momentos non se atopaba no hospital.
O máximo responsábel da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés comprometeuse a dirixirse ao empresario para que procede a saldar a débeda contraída cos traballadores/as de xeito inmediato, xa que o impago dos salarios constitúe un incumprimento moi grave dos pregos de condicións do concurso de adxudicación do servizo. O xerente quedou en comunicarlle posteriormente aos afectados/as a resposta da empresa.
O contido da reunión con Flores -na que participaron os cinco delegados/as do comité, da CIG, e o propio Aboi- foi abordado ao remate do encontro nunha asemblea que se celebrou pouco antes das 14:00 horas ás portas de Montecelo, na que os traballadores/as decidiron continuar coas mobilizacións até que non perciban a nómina completa.
Rescate da concesión
O impago de salarios é o último dos moitos incumprimentos da empresa dende que se fixo cargo do concurso, tal e como veñen denunciando dende hai tempo dende o comité, até o punto de ter solicitado publicamente o rescate da concesión por parte do Sergas.
De feito, a representación dos traballadores/as compareceu en rolda de prensa o pasado 24 de novembro para denunciar tamén o deterioro das condicións laborais dende que hai ano e medio a Xerencia da área sanitaria sacou un concurso público deficitario contratando a esta empresa dirixida dende Valencia. O concurso público foi sacado a licitación por 19 millóns de euros a tres anos e dous máis de prórroga, con sete ambulancias menos respecto do anterior, sendo o único deficitario.
“A pesar disto a Xerencia licitou e contratou á actual concesionaria, influíndo negativamente na asistencia a doentes, con esperas interminábeis nos seus tratamentos”.