Os traballadores de Ambulancias Casablanca irán á folga polos incumprimentos reiterados da empresa
Os traballadores de Ambulancias Casablanca (que presta unha parte do transporte sanitario non urxente de Santiago) acordaron ir á folga en resposta aos reiterados incumprimentos da empresa no relativo aos cuadrantes, á orde de contratos e en materia de seguridade e saúde, así como para exixir o cese da política de ameazas e despedimentos arbitrarios.
A primeira xornada de paro será o luns 17 de xuño e de non achegarse solucións, a mobilización intensificarase a semana seguinte cunha folga que se estenderá do luns 24 ao venres 28 de xuño. Ademais, a partir do 1 de xullo, iniciarase un paro indefinido que tamén afectará ao persoal de Ambulancias do Cantábrico, que xunto con Ambulancias Casablanca forma a UTE que presta o 100% do transporte sanitario non urxente na área de Santiago-Barbaza.
Así o anunciaron esta mañá os delegados de ambas empresas, que compareceron ante os medios acompañados polo responsábel de Transportes da CIG de Compostela, Inácio Pavón, e traballadores do transporte sanitario urxente. Pavón denunciou que o persoal de Ambulancias Casablanca leva meses padecendo os incumprimentos da empresa, pero a situación laboral deteriorouse até o punto de producírense ameazas e mesmo despedimentos "por solicitar algo tan básico como a desinfección e a limpeza da uniformidade, que é obrigatoria neste sector polos riscos biolóxicos".
Pavón sinalou que neste tempo producíronse varias reunións coa empresa nas que se acadaron compromisos "pero estes foron novamente incumpridos". Neste contexto, as asembleas de persoal tanto de Ambulancias Casablanca como de Ambulancias do Cantábrico aprobaron iniciar mobilizacións e convocar folga para exixir solucións e que se cumpra coa legalidade.
Dentro deste calendario, o xoves 13 de xuño, ás 11 horas, terá lugar unha primeira concentración diante da base de Fontiñas, na que tamén participarán compañeiros e compañeiras das ambulancias do 061.
A empresa non respecta os cuadrantes, nin a orde de contratación
Sobre os motivos da folga, o responsábel sindical apuntou que a empresa modifica de maneira arbitraria os cuadrantes asinados, de xeito que hai menos persoal por quenda do previsto, o que implica unha sobrecarga de traballo. Ademais muda quendas da mañá á tarde -e viceversa- sen previo aviso. "Algo tan básico para organizar o traballo como saber que días se traballa e como, non é posíbel nesta empresa", criticou.
A isto engádese o incumprimento da orde de contratación para a cobertura das prazas fixas, que a empresa está saltando, chegando incluso a despedir os traballadores -aos que por antigüidade lle tocaría pasar a ser fixos- por reclamaren a limpeza do uniforme, que se lle pagaran as horas extras ou simplemente consultar cos delegados de persoal. "As prazas están cubertas pero non polo persoal que debería", reiterou. Nesta materia, Pavón avanzou que se estuda presentar denuncia no penal por irregularidades na contratación de familiares sen titulación e con documentación falsificada.
Ambulancias sen hixienizar e horas extra que non se pagan
A maiores, na comparecencia denunciouse a falta de mantemento adecuado das ambulancias e a non realización da limpeza e desinfección dos vehículos despois de cada servizo. "O tempo dese traballo non se reserva e polo tanto non se está a realizar de maneira adecuada. Non existe sequera un sitio acondicionado para facelo, nin se fai unha recollida axeitada dos residuos, que acaban no sumidoiro público de Fontiñas, onde a empresa ten a base", alertou.
Á listaxe de incumprimentos engádese o emprego de persoas sen titulación para facer servizos da UVI, a realización de horas extraordinarias de balde e as presións aos traballadores que solicitan o pago do exceso de xornada. Xunto a isto, Pavón informo que en datas recentes houbo unha sanción a un traballador por non facer un servizo xa que entendía que non lle daba tempo, e ameazas ao persoal máis novo por solicitar que lle entreguen as uniformidades completas.
"Son moitas pequenas cuestións de fácil solución, de cumprir o máis básico pero que conscientemente Ambulancias Casablanca non respecta, obrigando o persoal a ter que iniciar mobilizacións", valorou. O representante da CIG lembrou que os incumprimentos dos acordos nesta empresa veñen de vello, pero agora agraváronse pola política de ameazas, presións e despedimentos aplicada pola dirección.
A este respecto, instou o SERGAS, como titular deste servizo e como coñecedor da situación denunciada, a que interveña para obrigar a empresa a cumprir coa legalidade e respectar os dereitos laborais. "Calquera conflito que se produce nun servizo público tamén é responsabilidade da administración, que é parte do problema e da solución", aseverou Pavón, chamando a atención no feito de que o concurso da área sanitaria quedou deserto pola baixa dotación económica.