O persoal de Ambulancias Casablanca acorda iniciar mobilizacións ante o deterioro das condicións de traballo
Os traballadores de Ambulancias Casablanca, SL decidiron en asemblea iniciar mobilizacións ante os sucesivos incumprimentos e deterioro das condicións de traballo nesta empresa. As datas concretaranse nos vindeiros días, pero xa advirten que “rematarán na convocatoria dunha folga e mobilizacións en toda a UTE se non se soluciona este conflito”.
Ambulancias Casablanca forma parte dunha UTE con Ambulancias do Cantábrico (de HTC Group) e realiza o transporte sanitario non urxente da área sanitario de Santiago, dependente do SERGAS.
Segundo explica o representante da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, durante anos foi a acción sindical quen foi conseguindo que unha das empresas nas que peores condicións de traballo había, fora aceptando que tiña que cumprir como as demais. “Isto custou moitas horas de negociacións, pero tamén denuncias e acción sindical para que, arrastrando os pés, foran cumprindo. E unha vez máis volven deixar de lado os acordos, o que levou a esta situación e que cadro de persoal tivera dito que xa abonda”.
Por iso, esta mañá compareceron os delegados de Ambulancias Casablanca, os delegados de Ambulancias do Cantábrico e o responsable da FGAMT-CIG de Santiago para facer públicas as reivindicacións e anunciar o inicio de mobilizacións.
Sospeitas de contratación de familiares sen titulación
Pavón sinala que ás portas dun novo concurso público “atopámonos con que novamente se incumpren os acordos de contratación -polos cales se respectarían as antigüidades e se cubrirían os postos fixos con traballadores e traballadoras indefinidas- e se despide traballadores para contratar outros aos que se lles advirte que non deben de falar coa representación sindical”. Apunta que “mesmo hai sospeitas fundadas, e que serán postas nas mans da fiscalía nos próximos días, de que se contratou familiares sen titulación e que esta foi falsificada”.
O representante da FGAMT-CIG de Compostela denuncia que os traballadores despedidos fórono “por ter solicitado a limpeza dos seus uniformes”, como o resto de traballadores e como é obrigatorio por parte das empresas ao tratarse dun servizo onde existe un risco biolóxico, e “por terse afiliado ao sindicato”.
Os delegados de persoal denuncian presións por parte do encargado aos máis novos para que non rexistren as horas extras, non deixen uniformes para lavar ou se relacionen coa representación sindical. Ademais de ser habitual chamar fora das horas de traballo e cambiar permanentemente o cuadrante de traballo sen informar á representación sindical.
Sen a titulación necesaria
Tamén denuncian que os servizos UVI, que ten esta empresa na súa parte da concesión da UTE, se están a realizar servizos con traballadores sen a titulación necesaria o que é directamente ilegal e que tamén é responsabilidade do Sergas e do 061 por non levar un control sobre esta práctica fraudulenta e que pon en risco as vidas das persoas.
Outra das demandas dos traballadores é sobre o estado das ambulancias sobre as que non se realiza os mantementos nin tan sequera as limpezas adecuadas, co conseguinte risco para os traballadores e usuarios e usuarias, como un claro deterioro do servizo que se presta. “Falamos de escalóns que directamente se lles arrincan ás ambulancias porque non se reparan ou de ancoraxes de cadeiras de rodas en mal estado”, explican.
Non existe ademais no centro de traballo un espazo axeitado para a limpeza e desinfección das ambulancias tras a denuncia da veciñanza porque se estaban facendo directamente na rúa.