O persoal de amarre e desamarre dos barcos no Porto de Vigo esixe cunha protesta que se cumpra o convenio
O cadro de persoal de Boteros e Amarradores de Vigo (Botamavi), que se encarga do amarre e desamarre dos barcos no Porto, mobilizouse hoxe para esixir o cumprimento do convenio colectivo por parte da empresa. Coa protesta que se desenvolveu ás 11:30 horas diante da sede da Autoridade Portuaria (APV) os traballadores/as lograron que presidente do organismo se comprometese a manter unha xuntanza para abordar a situación.
Dende a representación sindical, un delegado da CIG, denuncian que a compañía concesionaria do servizo de amarre e desamarre está a incumprir o convenio pactado a finais do pasado mes de xuño tras unha convocatoria de folga que finalmente non se chegou a facer efectiva ao chegar a un acordo coa dirección da empresa.
No acordo recollíase un segundo incremento das tarifas que cobra a empresa polo servizo ás embarcacións, que suporía un aumento do plus actividade para os patróns e amarradores da compañía, mais a dirección de Botamavi non levou a cabo esta suba de tarifas (que ten que autorizar a APV) e a conseguinte mellora salarial.
A maiores, os traballadores/as queren abordar coa Autoridade Portuaria a necesidade de aumentar o cadro de persoal da empresa, outra das reivindicacións que motivaran a convocatoria de folga.
Finalmente, dende a representación sindical adiantan a posibilidade de convocar novas mobilizacións no caso de que a reunión co presidente da APV non se chegue a celebrar ou remate sen acordo.