O persoal de amarre e desamarre dos barcos no Porto de Vigo desconvoca os paros tras pactar o convenio
O cadro de persoal Boteros Amarradores de Vigo (Botamavi) decidiu en asemblea desconvocar os paros e as mobilizacións previstas para hoxe e para o vindeiro venres 7 de xullo tras o acordo alcanzado onte entre a representación sindical e a empresa que se encarga do amarre e desamarre dos barcos no Porto de Vigo.
As medidas de presión para reclamar unhas condicións de traballo dignas en Botamavi comezaron o pasado luns cun paro entre as 5:00 e as 12:00 horas e unha concentración diante das oficinas da empresa na rúa Cánovas del Castillo a partir das 10:00 horas. Para hoxe estaba prevista unha nova xornada de paros e protestas, esta vez diante do edificio administrativo da Autoridade Portuaria no peirao de transatlánticos, coincidindo coa celebración do consello de administración do organismo estatal. Pero o acordo ao que chegaron as partes a última hora de onte fixo que os traballadores/as decidisen non facer efectiva a convocatoria.
O acordo contempla un convenio colectivo para 2023 que establece un incremento salarial do 4% en todos os conceptos, con cláusula de revisión a IPC a final de ano e con efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro. Fixa tamén complemento de actividade de 200 euros ao ano para patróns e amarradores, que se podería aumentar noutros 200 euros se coa renovación da licencia en outubro por parte da Autoridade Portuaria se produce un incremento de tarifa por enriba do 5,5%. Tamén se melloran os pagos por manobras de terceira lancha e o plus de fidelidade a partir dos 56 anos.