O persoal de Alten mobilízase diante de BorgWarner en Vigo en defensa do emprego

Desenvolveu unha concentración diante das instalacións da empresa da automoción en Zamáns
Vigo - 26 Feb 2026

O persoal de Alten que traballa para a compañía do sector vigués da automoción BorgWarner continuou hoxe coas mobilizacións en defensa do emprego, despois que a subcontrata iniciase unha campaña de despidos e ameazase con cesar a actividade se non se retiran as demandas por cesión ilegal de persoas traballadoras.

De xeito que desenvolveu unha concentración ás portas de Borgwarner en Zamáns (Vigo), empresa que é responsable da súa situación irregular, para darlle visibilidade ao conflito e pedir a solidariedade do persoal da factoría, “xa que a súa loita é a loita do sector da automoción na procura de salarios xustos e condicións laborais dignas; e porque ademais non pode haber persoal de primeira categoría e persoal de segunda (moito máis barato), que mesmo pon en perigo a estabilidade dos cadros de persoal das empresas matrices”.

O conflito remóntase a decembro de 2024, cando a Inspección de Traballo visitou as instalacións de Borgwarner en Porto do Molle (Nigrán), e despois de comprobar a veracidade dos feitos denunciados pola CIG resolveu que existe cesión ilegal de persoas traballadoras e sancionou as dúas empresas. A partir de aí, o persoal interpuxo demandas xudiciais para que fose recoñecida a súa condición de fixos de Borgwarner, pola cesión ilegal da que eran obxecto.

Nos últimos meses estas persoas traballadoras están a verse sometidas a unha serie de ameazas e coaccións por parte da empresa para que desistan das súas demandas, ao tempo que van executando despedimentos que xa están recorridos tamén en vía xudicial. O último paso dado pola subcontrata foi comunicarlles que o seu contrato mercantil con Borgwarner remataría o vindeiro 9 de marzo, a pesar de que en xaneiro lles aseguraban que había traballo para os vindeiros tres anos (2026, 2027 e 2028).

Folga indefinida

En consecuencia, o cadro de persoal decidiu convocar unha folga indefinida, que comezou o pasado 23 de febreiro cun peche nas instalacións, para esixir a readmisión das persoas despedidas, a continuidade do seu traballo e que cesen as extorsións para renunciar aos seus dereitos mentres os xulgados resolven as demandas interpostas.

Ante esta convocatoria de folga, Alten solicitou unha mediación do AGA que tivo a súa primeira reunión o pasado xoves, e á que asistiu o delegado sindical da CIG xunto a representantes do sindicato das federacións de Banca e Industria. Nesta xuntanza, que se celebrou telematicamente posto que a empresa tivo un problema coa viaxe, expuxéronse os feitos que deron lugar á convocatoria de folga “pero non se avanzou en atopar ningunha solución”, tal e como denuncian dende a central sindical.

Está previsto que a seguinte xuntanza teña lugar o vindeiro martes día 3 de marzo, “e xa lle solicitamos á empresa que poña enriba da mesa a súa proposta, pois quen está a sufrir as consecuencias das ilegalidades das dúas compañías son as persoas traballadoras que, lembremos, xa levan cinco xornadas de folga”.