O persoal de Alcoa San Cibrao seguirá coas protestas porque o Goberno central “non puxo solucións enriba da mesa”
O cadro de persoal de Alcoa San Cibrao continuirá co calendario de mobilizacións aprobado a semana pasada xa que a ministra de Enerxía “non puxo solucións enriba da mesa” na xuntanza mantida onte co comité de empresa en Madrid. Dende a representación dos traballadores/as agardan que “os compromisos e as boas palabras” expresadas durante o encontro pola ministra “se traduzan en feitos canto antes”.
Dende o comité de Alcoa indican que na xuntanza -na que tamén participaron o secretario xeral de Industria, o director xeral de Industria e o secretario de Estado de Enerxía, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica- a propia ministra lles confirmou que o goberno en funcións non pode aprobar o estatuto para a industria electrointensiva.
As palabras da ministra non deixan de ser promesas electorais que finalmente poden quedar en nada
Así como que este mércores estaba prevista a reunión dun comité avaliador para aprobar a ampliación da compensación por CO2 a 180 millóns de euros para toda a industria electrointensiva, “compensación que se comprometeron a pagar antes de final de ano”.
Ao mesmo tempo, a ministra anuncioulles a súa intención de visitar a planta de San Cibrao, “asegurando que fixaría a data nos vindeiros días”, para manter unha reunión co comité, coa dirección da empresa e coa Xunta “na que porá en marcha un grupo de traballo con xuntanzas periódicas no que participarán o Ministerio de Industria, o de Transición Ecolóxica e Enerxía (a través da Delegación do Goberno), a Xunta e o comité”.
Pola súa banda, o secretario de Estado de Enerxía expresou a intención de continuar co servizo de interrompibilidade para o ano 2020 e adiantoulles que a vindeira semana presentará en Bruxelas as condicións da poxa para a súa aprobación.
Promesas electorais
A pesar de que os responsábeis estatais non puxeron enriba da mesa ningunha solución concreta, a representación do comité saíu da xuntanza cunha impresión “moderadamente positiva, á espera de que os compromisos e as boas palabras se traduzan en feitos canto antes”.
Con todo, non esquecen que a alta probabilidade de que se repitan as eleccións xerais fai que as cuestións trasladadas polos responsábeis estatais “non deixen de ser promesas de precampaña electoral que finalmente poden quedar en nada”, polo que se reafirman na necesidade de continuar co calendario de mobilizacións, cuxa próxima protesta, ao igual que a anterior, terá lugar este venres no Castelo de 14:00 a 14:30 horas. Finalmente, anunciaron que o vindeiro martes manterán unha xuntanza co presidente de Alcoa.