O persoal de Alcoa San Cibrao acorda un calendario de protestas para evitar o peche da fábrica
A asemblea de traballadores/as de Alcoa San Cibrao acordou hoxe por unanimidade iniciar un calendario de protestas para enfrontar “o momento máis perigoso para a continuidade da fábrica en 40 anos de historia” que incluirá concentracións semanais, marchas, manifestacións e mesmo unha mobilización en Madrid.
Segundo denuncian dende o comité de empresa, a ausencia dun Goberno central -o único con competencias para solucionar o problema da enerxía- e a probábel repetición das eleccións “alonga no tempo a agonía e achéganos moito máis á posibilidade de que Alcoa dea o seguinte paso na súa estratexia de ou lograr un prezo competitivo na enerxía ou pechar todas as súas instalacións do Estado”.
É o momento máis perigoso para a continuidade da fábrica en 40 anos de historia
Con todo, sinalan que a falta de Goberno central non é o único atranco ao que se enfrontan xa que a modificación do marco tarifario debe, segundo palabras da propia dirección “ complementarse co CO2, a interrompibilidade, os contratos bilaterais e algunha proposta a maiores porque din que a proposta de Estatuto que coñecen non chega”.
Lembran que a industria do aluminio é unha industria con moito futuro, “e esta unha das fábricas que se considera entre as máis eficaces do mundo”, así como que o produto que fabrica é o de maior calidade, tanto en Alúmina como en Aluminio. “Non podemos permitir que a desidia e a inacción das sucesivas Administracións nos conduzan a unha parada da fábrica”, sosteñen.
Diante disto, entenden que esta grave situación deixa só aberto o camiño da mobilización, polo que decidiron iniciar “unha loita para atopar unha solución que nos permita seguir a traballar en San Cibrao, son ou sen Alcoa”. Con este obxectivo propuxeron un calendario de protestas, que saíu adiante co apoio de todos/as os traballadores/as que participaron na asemblea celebrada hoxe.
Mobilización en Madrid
A primeira das mobilizacións terá lugar este mesmo venres día 13 no Castelo (nas proximidades do acceso á fábrica) de 14:00 a 14:30 horas, cunha concentración que en principio se manterá no mesmo lugar e horario todos os venres deste mes de setembro.
Tamén se acordou realizar unha marcha en Lugo até a Subdelegación do Goberno para entregar un escrito solicitando unha xuntanza coa ministra de Transición Ecolóxica, ao tempo que se convocará unha manifestación central na Mariña e unha concentración en Madrid coincidindo cunha data sinalada (pleno de investidura do Goberno, primeiro Consello de Ministros/as...).
Paralelamente, decidiron que levarán a cabo distintas xestións en busca de apoio institucional ás súas reivindicacións e ás mobilizacións, comezando pola presentación dunha moción na Deputación Provincial de Lugo reclamando das institucións a urxencia dunha solución para a industria do aluminio. A intención dos traballadores/as é acudir ao pleno o día no que se vaia debatir a moción.
Ao mesmo tempo, convocarán os alcaldes e as corporacións municipais da Mariña para demandarlles o seu apoio e colaboración nas protestas e entregarlles mocións solicitando unha solución por parte do Goberno central.
Con todo, dende o comité de empresa queren deixar moi claro que non se trata dun calendario pechado, xa que se irá modificando ou ampliando en función dos acontecementos, e instan ao conxunto dos traballadores/as de Alcoa San Cibrao “a defender na rúa os nosos postos de traballo”.