O persoal de Alcoa reactiva a folga indefinida e as mobilizacións para esixir solucións de futuro
"Se queremos ter perspectivas de futuro temos que reactivar a folga e as mobilizacións". Con esta contundencia pronunciábase Xosé Paleo, delegado da CIG no comité de Alcoa San Cibrao, durante a asemblea de traballadores e traballadoras que onte acordou por unanimidade retomar a folga indefinida, que fora suspendida para facilitar o proceso de venda da factoría. Unha operación que, unha vez máis, parece frustrada, toda vez que nin a multinacional ten intención de vender nin o Goberno español quere intervir as instalacións.
Ante esta perspectiva, e cando falta menos dun mes para que o Tribunal Superior se pronuncie sobre o recurso presentado por Alcoa contra a sentenza que anulou ERE, o persoal volverá á folga e ás mobilizacións a partir do próximo luns 27 de setembro. "Que non pensen que estamos esgotados", aseverou Paleo, advertindo que os traballadores e as traballadoras continuarán a loita en defensa do mantemento dos empregos e da actividade produtiva.
Paleo criticou as escusas que de seguido está pondo a multinacional para non concretar a operación da venda, dilatando unha saída e gañando tempo á espera da resolución do Supremo. "Agora quere saber cal é o marco enerxético, cando isto é unha cuestión que lle debería interesar só a quen compre a factoría que é con quen ten que negociar o Goberno o marco enerxético", subliña.
O representante do persoal denuncia tamén a desidia do Goberno "que xa nos deixou claro que non quería comprar, pondo de escusa que non llo permite a UE". Neste senso criticou que a SEPI se retirara da triangulación da operación e reiterou que, ante o bloqueo de Alcoa, os gobernos teñen que intervir a factoría para garantir o mantemento dos postos de traballo e a continuidade da produción de aluminio, mais aínda cando está medrando a demanda no mercado internacional e os prezos están subindo.
"Non nos queda outro remedio que retomar as mobilizacións se queremos ter perspectivas futuro", insistiu Paleo, facendo un chamado a secundar a folga masivamente, participar nos piquetes e pelexar para forzar o goberno a dar a solución que se merecen os traballadores/as e a comarca da Mariña, e que remate dunha vez coa incerteza na que están vivindo dende hai case ano e medio.