O persoal de Alcoa continuará este venres coas mobilizacións en demanda de solucións urxentes
Os traballadores e as traballadoras de Alcoa continuarán este venres día 27, ás 14:00 horas no cruce do Castelo, co calendario de mobilizacións aprobado para esixir o arranque das 32 cubas de electrólise e para demandar a aprobación urxente dun novo marco regulador da enerxía máis xusto, estábel e competitivo, que garanta a continuidade da actividade produtiva e dos empregos.
Na xuntanza que o comité mantivo no día de onte co presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado insistiu en que se arrancarán as 32 cubas no momento no que haxa un marco tarifario "que o permita" e manifestou que a multinacional non vai aplicar ningunha medida a maiores antes da constitución do próximo goberno. Tamén se comprometeu a manter reunións mensuais de seguimento coa representación do persoal.
Por iso, diante da falta de concreción de medidas que dean solución definitiva á crise que atravesan as industria con grandes consumos enerxéticos por mor do elevado prezo da electricidade, e que afecta de xeito especial á industria do aluminio por ser a máis electrointensiva, os traballadores e traballadoras de Alcoa San Cibrao proseguirán adiante coas mobilizacións semanais dos venres.
Necesidade urxente dunha nova regulación
Pero ademais, o comité acordou entregar mocións nas distintas institucións (a comezar pola Deputación de Lugo) para que se aprobe en acordo plenario a solicitude ao goberno do "establecemento urxente dun marco tarifario competitivo para a industria do alumino".
Non hai que perder de vista que o Goberno do PSOE se comprometeu a ter aprobado o estatuto do consumidor electrointensivo antes das eleccións do 28 de abril, pero a día de hoxe nada se avanzou neste camiño: nin se coñece o seu contido actual, a súa situación xurídica ou se se incorporaron alegacións. E calquera solución aínda se atrasará máis coa nova convocatoria de eleccións.
A este respecto, a CIG lamenta que o Goberno de Feijóo permita que o noso país sexa a zona máis castigada pola crise da industria electrointensiva e vexa ameaza a continuidade de miles de empregos, a pesar de que somos un dos principais produtores de enerxía do Estado. Por iso, a central demanda unha actuación decidida en defensa do sector que garanta a continuidade de todos os postos de traballo e do noso tecido produtivo.