O persoal de Alcoa A Coruña mobilízase polo cobro das indemnizacións e por un futuro industrial
Traballadores e traballadoras da antiga fábrica de Alcoa na Coruña retomaron este martes as mobilizacións para reclamar o cobro inmediato das indemnizacións pactadas no seu día coa empresa. De igual xeito, demandan que o FOGASA se faga cargo das indemnizacións ás que legalmente teñen dereito mentres non se dá solución ao pago das cantidades que se estabelecían no acordo con Alcoa, e que a multinacional se nega abonar a causa do recurso xudicial interposto por un grupo de traballadores.
No decurso da protesta, o persoal lembrou que máis dun ano despois da entrada en concurso de acredores, Alcoa continúa sen abondar as indemnizacións acordadas, mentres o persoal vai consumindo as prestacións por desemprego e á maioría só lle restan xa sete meses de paro. Pero ademais, denuncian que tampouco non se deu unha solución industrial que permita continuar coa actividade nas instalacións nin que xere postos de traballo.
Neste senso, a CIG-Industria da Coruña critica ao Goberno español e á Xunta de Galiza pola súa falta de implicación en todo o proceso de desmantelamento do planta de aluminio, xa que nin apostaron pola intervención pública das fábrica (tal e como reclamou insistentemente a central nacionalista), nin se deu unha alternativa industrial viábel. Ao contrario, o proxecto saído da operación de venda entre Alcoa e Parter nun primeiro momento, e logo do fondo suízo ao Grupo Industrial Riesgo, foi unha fraude e un completo fracaso.
Por iso, a federación de Industria reclama a implicación das administracións na procura de proxectos industriais concretos e viábeis que se materialicen na recuperación da actividade produtiva e na creación de empregos de calidade. E nesta liña, a central nacionalista continúa a reclamar a posta en marcha con urxencia dun plan industrial comarcal que reverta o deserto industrial no que se está a converter a Coruña e a súa área metropolitana.