Nova mobilización do persoal de Albada para esixir solucións e concretar data de reunión coa concelleira
Os traballadores e as traballadoras de Albada proseguiron este xoves co calendario de mobilizacións mensuais (coincidindo coa celebración dos plenos municipais) para esixir solucións ante a demora na elaboración dos pregos do novo contrato, a perda continuada de dereitos e condicións laborais e o deterioro progresivo da planta de tratamento de residuos de Nostián.
A representación do persoal continúa agardando a que a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, concrete unha data de reunión, logo de suspender a que estaba prevista para o pasado 12 de maio. "Dende entón as únicas informacións que temos son as que saen publicadas nos medios de comunicación", critica Hadrián Canosa, delegado da CIG, quen advirte da crecente preocupación que existe entre o persoal tanto polo atraso na elaboración dos pregos (que practicamente xa tiña preparados o anterior goberno), como pola perda de dereitos e a falta de mantemento das instalacións.
Lembra que xa transcorreu media lexislatura e os pregos do novo contrato non só seguen sen publicarse, senón que hai unhas semanas se adxudicou un contrato a unha empresa de enxeñaría para que redacte os pregos e os adecúe á normativa europea. Para máis abundar nesta inquedanza, hoxe mesmo saía publicado en prensa unha noticia sobre presuntas negociacións do Concello da Coruña con Sogama para tratar no complexo de Cerceda os residuos inorgánicos que agora se levan á Nostián.
"A pesar da súa transcendencia para o futuro da planta, non sabemos nada de ningunha destas dúas cuestións a través das fontes oficiais, só o que sae publicado nos medios", reitera Canosa. E indica que a posibilidade de tratar en Sogama a materia inorgánica sería, en todo caso, unha mala noticia "polo impacto que tería nos postos de traballo". O representante sindical critica con dureza a actitude da concelleira "de total e absoluta opacidade, xa que nos temos que enterar polos medios desta negociación, o que tamén é indicativo do desprezo desta concelleira cara aos traballadores e ás traballadoras de Albada".
Diante da situación insostíbel que viven os/as traballadores/as e a planta (xestionada por Albada en situación de prórroga forzosa dende hai máis de un ano), a representación da CIG reclámalle unha vez máis ao Concello da Coruña que asuma de forma directa o control das instalacións mentres non haxa unha nova concesión, pois está é a única vía para garantir a seguridade do persoal, que se cumpran coas condicións establecidas nos pregos e que realmente se preste o servizo polo que a cidadanía está pagando.