O persoal de Albada demándalle ao Concello da Coruña que asuma a xestión da planta de Nostián
Os traballadores e as traballadoras de Albada continuaron este xoves co calendario de mobilizacións para esixir do goberno municipal da Coruña solucións inmediatas para a planta de tratamento de residuos de Nostián. O persoal concentrouse diante do Pazo de María Pita esixindo do Concello que asuma a xestión directa ante a demora na publicación dos pregos da nova concesión e ante o deterioro progresivo das instalacións e dos dereitos laborais.
Neste senso, denunciaron que a pasa semana, unha das dúas liñas da produción sufriu unha rotura "que puxo en grave perigo o cadro de persoal e mantivo parada a liña de produción durante varios días". Aínda que non houbo que lamentar danos humanos, dende o comité salientan que a falta de mantemento preventivo por parte de Albada (Urbaser) "está multiplicando de xeito exponencial o risco para os traballadores e as traballadoras".
Falta de medidas preventivas
Hadrián Canosa, delegado da CIG, insistiu na necesidade de que a administración local se faga cargo da planta e dos traballadores/as porque "cada vez que nos reunimos co Concello os prazos de licitación da nova concesións atrásanse máis. Agora xa falan de finais de 2022 ou principio de 2023. Pero que teñan claro que non imos permitir que xoguen electoralmente con nós", aseverou.
Canosa reiterou que cada día que pasa "as instalacións deterióranse máis e o risco para os traballadores e as traballadoras vai en aumento". Ao non selado do vertedoiro (que xera gratuitamente lixiviados que van para o mar) hai que sumarlle as avarías importantes da maquinaria que se rexistran de seguido.
"No que levamos de ano produciuse unha fenda nun biodixestor, o que supón que máis de 30 toneladas diarias de materia orgánica non se traten de forma correcta e rematen no vertedoiro. A isto súmase a avaría no separador balístico pola falta de medidas preventivas suficientes, que provocou que as liñas estiveran paradas varios días. A semana pasada rompeu un tromel (unha maquinaria de dimensións enormes) polo que estivo unha liña parada, e na nave de afino unha parte das instalacións están paradas e sen intencións de reparalas", advirte.
O representante do persoal salienta que Albada é a responsábel de adoptar as medidas preventivas e correctoras para garantir o funcionamento da planta e a seguridade dos traballadores/as, pero o Concello é cómplice se permite que a empresa non repare as instalacións nin faga o mantemento necesario"".
Concentración o 6 de maio
Por iso, ante a ausencia de solucións, o comité realizará unha nova concentración diante do Concello da Coruña o próximo xoves 6 de maio "e non se descartan outro tipo de medida se esta situación non se reverte".