O persoal de Albada irá á folga os días 5, 7 e 9 decembro por un convenio digno
Os traballadores e as traballadoras da UTE Albada irán á folga os días 5, 7 e 9 de decembro en demanda dun convenio digno, tras levar máis dunha década cos soldos conxelados e ver como as súas condicións laborais e sociais eran recortadas tras o decaemento do anterior convenio colectivo o 1 de xaneiro de 2020.
A folga afectará a todo o persoal da UTE Albada de todas as quendas de traballo e efectivizarase da seguinte maneira: das 22h do domingo 4 ás 22h do luns 5 de decembro; das 22h do día 6 ás 22h do día 7 de decembro; e das 22h do xoves 8 até ás 22h do venres 9 de decembro.
O presidente do comité, Hadrián Canosa, explicou que nestes momentos as negociacións coa empresa está bloqueadas despois de que na xuntanza do 17 de novembro, Albada presentara unha proposta inasumíbel "que supón a conxelación salarial para un período de seis anos e tamén a perda doutros dereitos económicos e sociais".
Neste senso, denuncia que a oferta da empresa nin sequera iguala as condicións que estaban recollidas no convenio anterior, "pero ademais Albada pretende manternos conxelados os salarios até 2028, é dicir a final de convenio levaríamos 16 anos sen actualizar os nosos soldos".
Pola contra, a parte social trasladou unha plataforma para o que sería o VI Convenio Colectivo da UTE Albada na que se propón recuperar todos os dereitos previos (licencias, fondo social, complementos por IT, pluses etc); así como un incremento das táboas salariais acordes aos incrementos do IPC. Demandas que a empresa rexeita na súa totalidade.
O Concello da Coruña continúa sen publicar os pregos
O bloqueo das negociacións dáse ademais nun contexto complexo para o futuro das instalacións, coa actual concesionaria en situación de prórroga forzosa e sen visos de que a nova licitación estea lista antes de rematar a lexislatura. Por iso, o persoal lanzou un chamado á concelleira de medioambiente, Esther Fontán, para que se reúna co comité "antes do próximo pleno, se non nos quere ver na Praza de María Pita".
Canosa advertiu que, malia o compromiso adquirido polo PSOE, existe un risco certo de que os pregos non se publiquen antes de rematar a actual mandato municipal, debido aos prazos que require este proceso administrativo e que neste momento aínda se está en fase de anteproxecto. "Rematar a lexislatura sen ter os pregos publicados sería un fracaso absoluto por parte deste Goberno municipal", valorou.
Para máis abundar, a Xunta de Galiza anunciou en datas recentes que non daría licenza medioambiental para a actividade da planta de Nostián mentres non se proceda ao selado do vertedoiro. Obra que, por sentenza xudicial, lle corresponde facer a Albada, mais a empresa xa anunciou que non ía acometer esta tarefa.
A falta de selado provoca constantes verteduras de lixiviados ao mar e por este motivo a Xunta de Galiza xa sancionou en dúas ocasións a empresa. "Non obstante, o Concello da Coruña non obriga a Albada a facer a obra", alerta Carnosa.
Estado lamentábel das instalacións
Este desleixo súmase aos continuados incumprimentos en materia de seguridade e prevención que poñen en risco a saúde das e dos traballadores, ou á falta de investimentos necesarios. "Denunciamos en numerosas ocasións estas eivas diante da Inspección de Traballo. Hai un mes, a autoridade laboral xirou visita ás instalacións e fixo máis de 20 requirimentos á empresa por non cumprir coa lexislación en materia de prevención e saúde laboral".
Xunto a isto, o presidente do comité denunciou o "estado lamentábel" da planta de tratamento de residuos de Nostián: chove dentro das naves (mesmo por enriba dos cadros eléctricos), as instalacións están cheas de lixiviados e de lixo polo chan, as zonas de paso non están sinalizadas, a maquinaría estrágase de seguido, non hai persoal suficiente nas cintas para a recuperación dos residuos etc.
Por todas estas razóns, o comité acordou convocar estas tres xornada de folga, pero non descarta intensificar o calendario de mobilizacións se "non hai solucións que garantan os dereitos económicos e laborais do persoal", mais tamén reclaman solucións que garantan a viabilidade das planta de Nostián e o seu modelo de tratamento de residuos.