O persoal de Albada irá á folga indefinida ao non achegar o Concello da Coruña garantías suficientes
Esta mañá, o comité de Albada mantivo unha reunión coa alcaldesa da Coruña e a concelleira de Medio Ambiente para coñecer que medidas está a adoptar a Administración local de cara a obrigar a empresa a cumprir cos pregos do contrato e intentar buscar solucións ao conflito aberto. Porén, a saída do encontro, o comité xa adiantaba que, ao non existir ningún tipo de garantías e dado que Albada (do grupo Urbaser) mantén toda a batería de recortes, o calendario de mobilizacións segue adiante e haberá folga indefinida na planta de Nostián dende ás 22 horas do domingo 8 de decembro.
Nesta reunión, sinala o secretario comarcal da CIG, Xabier Filgueira, o concello explicou as medidas que veu tomando até agora a respecto de Albada, reafirmou que a prórroga é forzosa, tal como aparece regulado no prego de condicións, e que polo tanto a empresa ten a obriga de seguir tratando o lixo procedente do Consorcio das Mariñas. Neste senso, dende a Administración sinalaron que se a empresa incumpre o contrato tomará as medidas sancionadoras oportunas.
Así mesmo, avanzaron que se Albada persevera na súa decisión de non deixar entrar os camións do Consorcio e se produce na planta unha situación de risco, utilizarán todos os instrumentos xurídicos ao seu alcance, sen descartar incluso o rescate, a intervención ou mesmo o secuestro da concesións.
Sobre esta cuestión, ás portas de María Pita, Hadrián Canosa, delegado da CIG, valoraba que "é unha boa noticia que o Concello estea disposto a rescatar a concesión, que é o que nós estamos pedindo, e aínda que nesta reunión houbo avances, a día de hoxe non temos as garantías suficientes como para poder desconvocar a folga, polo que seguiremos coa folla de ruta establecida".
O rescate da concesión é unha das demandas que se lle vén facendo ao Concello dende que Albada puxo enriba da mesa o seu plan de recortes, xa que é a única garantía para evitar que a empresa aplique o ERTE, a modificación das condicións laborais, a rescisión do contrato do persoal eventual e das auxiliares e garantir que se sigan tratando os residuos do Consorcio a partir do 1 de xaneiro.
A este respecto, o comité reitera que o paquete de medidas de Albada (que pon en perigo a viabilidade futura da planta) non supón só unha chantaxe ao persoal, "senón que é unha chantaxe ao conxunto da cidadanía da Coruña e do Consorcio das Mariñas e ás súas respectivas Administracións".