O persoal de Albada continúa coas mobilizacións para esixir axilidade nos pregos

Demandan da concelleira de Medio Ambiente que fixe data de reunión para abordar a situación da planta e do Consorcio
A Coruña - 03 Xun 2021

Os traballadores e as traballadoras de Albada continuaron este xoves co calendario de mobilizacións para esixir axilidade na elaboración dos pregos e que o Concello da Coruña se faga cargo da planta de Nostián e do persoal, ante o evidente deterioro das instalacións e dos dereitos laborais.

A protesta (como vén sendo habitual dende o mes de xaneiro) realizouse coincidindo coa celebración do pleno municipal, no que se volveu tratar a situación da planta a raíz da moción do BNG sobre o futuro do Consorcio das Mariñas, logo de que os Concellos de Cambre e Culleredo manifestaran a súa intención de abandonar o ente. E neste sentido, instar o Concello da Coruña que se poña á fronte desta crise para garantir a continuidade da prestación de servizos compartidos e un impulso á creación da área metropolitana.

A sección sindical da CIG xa manifestou a súa preocupación polo futuro do Consorcio, tendo en conta que a saída destes dous concellos (que se sumarían á marcha previa do municipio Arteixo) compromete seriamente a viabilidade da planta. Por iso, a representación da CIG tamén urxe á concelleira de Medio Ambiente a concretar a reunión que ten concedida ao comité de empresa, "pero da que seguimos pendentes de fixar data, despois de que Esther Fontán anulara a xuntanza que estaba prevista para o 12 de maio".

A representación da CIG critica tamén que se lle denegara aos grupos políticos da oposición visitar a planta, tal e como solicitaron, amparándose na pandemia. "Entendemos que esta resposta non é máis que unha escusa, polo que pedimos que se lles permita aos partidos da oposición visitar as instalacións e que poidan ir acompañados do comité. E non só aos políticos, estas visitas deberían estar abertas tamén á cidadanía, para que coñezan como funciona o servizo polo que están pagando".

A este respecto, a sección sindical da CIG reitera a súa aposta polo modelo Nostián, de recuperación e reciclaxe dos residuos urbanos, "pero este modelo tense que materializar na práctica, e non como até agora, que se lle permitiu a Albada incumprir todas as condicións da concesión tanto no que ten a ver coa xestión do lixo como a nivel laboral".

Na concentración, os traballadores e as traballadoras seguiron denunciando que o deterioro das instalacións vai en aumento, xa que Albada non realiza os investimentos nin o mantemento preventivo necesario. Ás eivas xa denunciadas e á rotura da maquinaria, apuntan que nesta última semana se arrancou unha parte do tellado dunha nave, "o que evidencia a necesidade de sacar os novos pregos xa para evitar que a planta chegue ao punto de colapsar e para evitar un accidente que poña en risco a vida do persoal".