O persoal de Albada, preocupado pola parálise no prego de condicións da planta de Nostián

Denuncia a “drástica caída” dos materias que se recuperan nas instalacións
A Coruña - 27 Dec 2024

O comité da UTE Albada, encargada da xestión da planta de tratamento de residuos de Nostián, vén de amosar a súa preocupación pola parálise na elaboración dos pregos de condicións do concurso de licitación do servizo, ao tempo que denuncia a “drástica caída” dos materiais que se recuperan nas instalacións.

A inquedanza da representación do persoal ten que ver, por unha banda, co atraso na licitación da nova planta, xa que a actual está “obsoleta” e sofre continuas avarías que reducen a capacidade de reciclar de xeito adecuado. E por outra, coa falta de acordo con Ecoembes para asinar un novo contrato. 

A planta actual está “obsoleta” e sofre continuas avarías que reducen a capacidade de reciclar de xeito adecuado

O presidente do comité, Hadrián Canosa, advirte que esta situación de parálise do novo proxecto para a planta de reciclaxe, unido ao escurantismo "de como e con quen se pretende facer (con ou sen o Consorcio), pon en risco o actual modelo e, por tanto, tamén o medio ambiente e a continuidade dos postos de traballo".

Máis de 120 persoas traballadoras que -tal e como sinala Canosa- se atopan nunha situación de precariedade laboral "e na incerteza permanente de saber cal vai ser o seu futuro". Neste senso, lembra que a actual concesionaria, Albada (a UTE formada Babcock Kommunal Mbh SL e Tecmed SA), rematou o contrato o 31 de decembro de 2019 e dende entón segue prestando os servizos en precario á espera da nova licitación.

"Mentres tanto, a planta sofre un deterioro progresivo, cunha maquinaria obsoleta e desgastada, cunha falta enorme de mantemento, tanto preventivo como correctivo, que fai que a reciclaxe estea moi lonxe do que se debera esperar". O estado "calamitoso" das instalacións e o deterioro das condicións laborais derivado da situación de prórroga forzosa teñen sido denunciados en reiteradas ocasións polo comité, sen que até o momento o Goberno municipal da Coruña reaccionara.

Cinco anos de contrato con prórroga forzosa

Canosa critica que a pesares das reiteradas declaracións públicas por parte dos responsábeis municipais asegurando que os pregos estarían listos para ser publicados na primeira parte da lexislatura, a realidade é que rematando o ano 2024 os pregos seguen sen saír. 

A pesares das reiteradas declaracións dos responsábeis municipais asegurando que os pregos estarían listos na primeira parte da lexislatura, a realidade é que rematando o ano 2024 seguen sen saír

“Cando o PSOE se fixo co Goberno municipal en 2019 os traballos feitos pola anterior corporación non lle serviron e decidiu comezar de novo, mais rematou a lexislatura e os pregos estaban sen elaborar . "Na actualidade continúan a dicirnos o mesmo, e a pesar de estar no acordo de investidura ao que chegaron co BNG, os pregos non saen e tampouco son quen de aclarar o porqué do estancamento".

A este respecto, Canosa advirte que a alternativa a Nostián é transportar todo o lixo á macroincineradora de Sogama, "co que se empeoraría o nivel de reciclaxe actual (Nostián recicla catro veces máis que a planta de Cerceda) e moi probabelmente comezarían a chegar sancións por parte da Unión Europea".

Fronte a este modelo de incineración, o comité defende o modelo da Coruña, "máis respectuoso co medio ambiente, sobre todo se hai unha aposta decidida pola creación de compost de calidade. Algo que a día de hoxe é unha materia pendente".

Nesta liña, denuncia precisamente que este ano será un dos peores anos en canto aos materiais que se recuperan nas instalacións. Principalmente caerá a recollida de papel e cartón, e sobre todo haberá un descenso moi importante na recuperación de plástico-film. “Este descenso débese a varios factores e pon en risco a paga de produtividade, ademais de repercutir negativamente nos ingresos que o Concello recibe pola recuperación de materiais”, remata.