O persoal de Acciona Energía-EROM fará folga en resposta á destrución de emprego
A CIG ten convocada folga parcial en Acciona Energía-EROM para este xoves, 10 de outubro, en defensa dos empregos e para reclamar unhas condicións de traballo dignas. Coincidindo co paro de tres horas e media, o persoal da empresa (que se encarga do mantemento dos parques eólicos) concentrarase diante das oficinas de Acciona Energía en Santiago de Compostela (na entrada do CC Área Central), entre ás 14 e ás 15h.
A sección sindical da CIG explica que, o pasado 27 de setembro, a dirección comunicou o despedimento de seis compañeiros do departamento de auditorías internas e traballos Up-tower. Estes despedimentos, sumados ás continuas subrogacións e a non cobertura das vacantes, aumenta a preocupación do persoal "ante a imparábel diminución" das e dos traballadores de Acciona Energía-EROM, e xera unha enorme inquedanza "ao comprobar que a tendencia da compañía consiste no progresivo desmantelamento e na subcontratación dos diferentes departamentos propios que tiña".
Hai que subliñar que dende o inicio da integración de EROM en Acciona Energía, o cadro de persoal veuse reducido en máis dun 25%, a pesar de que no seu día "este proceso foi vendido pola compañía como garantía de estabilidade e futuro en EROM".
A sección sindical da CIG en Acciona Energía considera "inaceptábel" esta incesante destrución de emprego e exíxelle á dirección "que reverta esta dinámica negativa". "Cremos que a maioría dos servizos que se fagan na compañía deben ser feitos por persoal propio, formado, coñecedor dos riscos que ten o noso traballo, e das políticas de prevención que dende a mesma se aplican, e que fan que a calidade dos traballos e a seguridade coa que se realizan estes, estean por enriba dos estándares do sector".
Ao berro de "basta xa", a representación da CIG convoca o xoves 10 de outubro esta primeira xornada de paro e a concentración en Santiago en defensa do mantemento do emprego e unhas condicións de traballo dignas.