Máis do 90% do persoal de Abai Group vai á folga contra os despedimentos e a precariedade laboral

A empresa quere empeorar as condicións salariais e de traballo
A Coruña - 23 Xun 2022

Máis do 90% das traballadoras e dos traballadores de Business Solutions da Coruña están a secundar a xornada de folga convocada polo comité para este xoves en contra dos abusos laborais e os despedimentos arbitrarios executados pola empresa. Con motivo do paro de 24 horas, o persoal saíu en manifestación polas rúas de Matogrande (barrio onde están as oficinas de Abai) para denunciar "que xa estamos fartas e fartos de tanta precariedade e explotación".

Aínda que os abusos patronais son o día a día na empresa, o detonante desta convocatoria de folga foi o despedimento, nas últimas semanas, de 15 compañeiras e compañeiros sen ningunha xustificación, acompañado "dun incremento inhumano da carga de traballo", unha intensificación das presións e a pretensión de recortar os sistemas de retribución variable.

Contratación precaria no servizo de rastrexo

Neste contexto, o pasado 15 de xuño, a empresa comunicoulle á representación legal do persoal que deixaba de prestar o servizo de rastrexo da Xunta, mais sen aclarar o motivo da finalización da campaña xa que o contrato tiña unha vixencia dun ano e conta cun orzamento que, segundo os medios de comunicación, ascendía a preto de 14 millóns de euros.

Malia o desembolso millonario da Xunta para este contrato, o comité denuncia que o servizo se caracterizou pola contratación precaria (a tempo parcial e temporal) "e por unha organización caótica, que implicou que moitas traballadoras e traballadores viran vulnerados os seus dereitos laborais, así como atrasos nos pagos dos finiquitos".

Aos despedimentos, que a representación da CIG entende que hai que enmarcar no progresivo desmantelamento do centro da Coruña, súmanse as precarias condicións laborais e salariais das traballadoras e dos traballadores que teñen que aturar constantes erros nos cálculos das súas nóminas e un sistema de incentivos que non se pode alcanzar e que ademais a empresa muda ao seu antollo cada pouco.

"Cada vez cobrarmos menos e temos peores condicións, mentres a empresa está a rexistrar beneficios millonarios", alertan as delegadas e delegados da CIG, pondo a atención nos baixos salarios que caracterizan o sector e que a patronal pretende perpetuar no novo convenio colectivo que se está a negociar. Unha negociación que, lembran, leva aberta máis de dous anos sen que se produzan avances polas pretensións da patronal de empeorar as condicións laborais e salariais. Por este motivo a CIG xa convocou catro  xornadas de folga no sector.

Presións insoportábeis, auditorías constantes e falta de formación

Pero aos salarios cativos súmanse as presións insoportábeis en todos os departamentos para acadar obxectivos imposíbeis e baixo auditorías constantes, unha formación escasa e insuficiente para atender todas as tarefas marcadas ou cambios constantes de departamento sen que a empresa imparte a formación adecuada. Estas situacións xeran unha presión engadida á que exercen as direccións para conseguir obxectivos que acababa afectando seriamente á saúde psicolóxica e física do persoal.

Non é por casualidade que no sector dos centros de chamadas os test de riscos psicosociais reflictan na meirande parte das veces  datos estarrecedores, fronte aos que as empresas seguen sen adoptar medidas correctoras.

Por se non fora abondo, engade a representación da CIG, Abai pon dificultades para que o persoal poida gozar dos descansos, vacacións e permisos, non ten ningunha vontade negociación e salta os acordos alcanzados co comité.

O centro de traballo situado en Matogrande conta con máis de 600 persoas e atende os servizos de atención á clientela da operadora de telecomunicacións Movistar, "nos que as traballadoras e traballadores soportamos ritmos de traballo inasumíbeis que atacan directamente a nosa saúde". Por iso, o lema da faixa que encabezaba a manifestación deste xoves foi "Abai e Movistar, terrorismo laboral".