
O persoal de A Vida mobilízase en demanda do cobro do seus salarios

Traballadores e traballadoras de A Vida concentráronse este luns nas instalacións que a empresa ten na rúa Panadeiras, nº27, no Polígono do Ceao, para reclamar que de inmediato se proceda ao abono dos salarios a todo o persoal. Esta empresa, do sector da construción, conta con máis de 100 traballadores e traballadoras na cidade de Lugo e neste momento ten pendente de pagar as nóminas de marzo e abril.

A CIG de Lugo-A Mariña explica que os atrasos no pago dos soldos son unha constante dende hai tempo, ao que punto de que o pasado mes se asinou coa representación do persoal un acordo para o pago fraccionado das nóminas, pero a empresa xa incumpriu os prazos pactados.
O persoal atópase nunha situación de absoluta incerteza, xa que ten que acudir cada día ao seu posto sen saber cando cobrará nin en que contía. Por iso, reclaman un plan de viabilidade, información concreta sobre o estado financeiro da compañía e garantías de que van percibir as súas nóminas.

Hai que subliñar que nesta empresa traballa un importante número de persoas migrantes que carecen de redes familiares de apoio, polo que para estas persoas o impago dos salarios aínda resulta moito máis prexudicial, provocándolles enormes dificultades para afrontar os gastos ordinarios.
A CIG reclámalle á A Vida solucións urxentes e que de inmediato proceda ao abono das cantidades adebedadas ao seu persoal. Neste senso, a CIG insta a empresa a que, no caso de non ser viábel, acuda xa aos mecanismos que lle permite a lexislación laboral para evitar seguir acumulando débedas salariais.