O persoal das subcontratas de R inicia mobilizacións contra a deslocalización do emprego
Persoal das subcontratas de R Cable concentrouse esta tarde diante da sede da compañía de telecomunicacións na Coruña en defensa dos postos de traballo e contra o proceso de deslocalización do emprego iniciado logo da compra da empresa por Euskaltel no ano 2015. Este proceso afecta principalmente ao servizo de mantemento, que na súa maioría está subcontratado, e pon en risco o futuro de máis de 500 traballadores e traballadoras.
A consecuencia máis inmediata da deslocalización de servizos é o despedimento de 20 traballadores/as de Comfica que até agora prestaban servizos para R na provincia da Coruña e a quen a contrata se nega a recolocar. Como resposta a esta decisión, ao remate da concentración, Miguel Gago, delegado da CIG en Comfica, xa anunciou a convocatoria de folga nesta empresa para os días 24, 30 e 31 de xullo "coa finalidade de conseguir a paralización dos despedimentos".
Gago explicou que ao longo dos meses de xuño e xullo, o comité mantivo varias reunións coa empresa para trasladar a preocupación pola perda de postos de traballo e demandar solucións. Porén, estas xuntanzas "lonxe de achegar solucións, o que fixeron foi confirmar os despedimentos", apunta. De feito, a dirección comunicou que Comfica vai deixar de prestar os servizos N3 e N2 de R e que a nova contrata non ten previsión de subrogar ao persoal xa que conta con traballadores/as de seu.
Diante desta situación, a representación social acordou a convocatoria destas tres xornadas de folga de 24 horas que afectarán a todos os centros de Comfica na provincia e aos seus 85 traballadores/as.
A CIG solicita reunións con Industria e o Concello da Coruña
Así mesmo, a CIG, ao igual que fixo o comité, vén de solicitar reunións co conselleiro de Industria e coa alcaldesa da Coruña para abordar o traslado de servizos iniciado por R e as consecuencias que isto ten sobre o emprego na Galiza e ao tempo demandar a intervención dos gobernos autonómico e local para evitar que se produzan novos despedimentos.
A CIG tamén remitiu escrito á dirección de R Cable e Telecomunicacións pedindo reunión urxente na que tratar a política de deslocalización de servizos fóra de Galiza e abordar o futuro dos traballadores e traballadoras das contratas que viñan realizando estas tarefas e que nestes momentos se atopan nunha situación de grande incerteza.
A deslocalización afecta a todos os servizos
Recentemente, Euskaltel acordou entregar á chinesa ZTE os servizos de mantemento da rede que en Galiza até agora prestaban compañías como Comfica, Colabora ou Eulen. Porén, á diferenza doutros cambios anteriores, desta volta o persoal non será subrogado á nova adxudicataria nin se producirán contratacións na nosa terra, xa que estes servizos van ser deslocalizados ao centro de traballo que ZTE acaba de abrir en Asturias. Pero ademais hai persoal da propia ZTE, a quen R externalizou previamente nesta subcontrata, que tamén está en risco de perder o seu emprego.
Aínda que o efecto máis inmediato deste proceso son os despedimentos en Comfica, Euskaltel está a levar fóra da Galiza outros servizos como enxeñería e desenvolvemento ou atención telefónica (prestados por persoal de Indra, Teleperformance, etc.).