O persoal das subcontratas de R acorda mobilizarse contra a deslocalización do emprego

Para este mércores 17 de xullo está convocada unha concentración ás 19:30 horas no Obelisco coruñés
A Coruña - 15 Xul 2019

O persoal das subcontratas de R Cable acordou realizar mobilizacións en defensa dos postos de traballo e contra o proceso de deslocalización do emprego cara a Asturias e o Euzkadi iniciado logo da compra da empresa por Euskaltel, no ano 2015. Este proceso afecta principalmente ao servizo de mantemento, que na súa maioría está subcontratado en outras empresas e pon en risco o futuro de máis de 500 traballadores e traballadoras.

Recentemente, Euskaltel acordou entregar á chinesa ZTE os servizos de mantemento da rede que en Galiza até agora prestaban compañías como Comfica, Colabora, Indra, Plexus,... Porén, á diferenza doutros cambios anteriores, desta volta o persoal non será subrogado á nova adxudicataria nin se producirán contratacións na nosa terra, xa que estes servizos van ser deslocalizados o centro de traballo que ZTE acaba de abrir en Asturias. Pero ademais, hai persoal da propia ZTE, a quen R externalizou previamente nesta subcontrata, que tamén está en risco de perder o seu emprego.

A consecuencia máis inmediata da decisión foi o despedimento de 20 traballadores/as de Comfica, a quen a compañía se nega a recolocar. Mais a perda de emprego afecta tamén a outros servizos como enxeñería e desenvolvemento ou atención telefónica (prestados por persoal de Indra, Teleperformance, GSS, Gestión C), que aos poucos Euskaltel está a levar fóra da Galiza.

As declaracións do conselleiro delegado de Euskaltel, José Miguel García, asegurando que continuará neste camiño de "reestruturación" afondan nos temores do traballadores e das traballadoras que, diante desta situación, acordaron iniciar mobilizacións para esixir o mantemento do emprego en Galiza. Deste xeito, CIG, CCOO e UGT teñen convocada unha primeira concentración para este mércores, 17 de xullo, ás 19:30 horas, diante da sede de R na Coruña (no Obelisco).

A CIG demanda a implicación das Administracións

Dende a CIG reclámase tamén a implicación activa da Xunta de Galiza e das Administracións municipais para evitar que se consume esta nova desfeita laboral nunha empresa de telecomunicacións. Hai que lembrar que as grandes compañías están nun proceso de desmantelamento das súas estruturas territoriais (especialmente grave no caso de R Cable, ao ser en orixe unha empresa galega) para concentrar o emprego fóra de Galiza. Deste xeito non só se eliminan os postos de traballo senón que toda a contratación nova que se fai, prodúcese noutras comunidades.